A frota de Racú lamenta que lles neguen o acceso ás zonas de bocarte

Reivindican pescar coas artes cerqueiras tradicionais  
Embarcacións de Racú. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Embarcacións de Racú. (Foto: Nós Diario)

A Asociación do Racú da Galiza (Racuga), organización que agrupa á maioría da frota pesqueira que opera coas artes racú e piobardeira na costa galega, amosaron a través dun comunicado o seu malestar “ante a actitude adoptada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que, a través das súas últimas resolucións, mantén unha política de prohibición de acceso á pescaría do bocarte nas augas galegas, principalmente na zona 9, para os barcos coas nosas artes”. 

O último episodio desta hostilidade que consideran “manifesta” por parte dos responsábeis ministeriais cara os seus  barcos, segundo explican desde Racuga, “foi a non aceptación das alegacións presentadas pola nosa asociación diante da proposta de resolución que fixo a Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a resolución de 5 de abril de 2023 na que a cantidade de stock de anchoa da zona 9”.  

Para Racuga, recoñecer nesta resolución o acceso da frota racueira á pescaría do bocarte "tería sido unha boa ocasión para resarcir a inxusta política ministerial".

Porén, “por causas que se descoñecemos, nas dúas últimas campañas os barcos que operan con estas artes víronse obrigados a non poder exercer os seus lexítimos dereitos de pesca sobre esta especie, co grave prexuízo que isto provocou nas economías dos barcos afectados”, aseguran. 

Pescaría tradicional

O racú e piobardeira son artes cerqueiras tradicionais, que teñen nas especies peláxicas as súas principais capturas. A pesca do bocarte foi unha das pescarías tradicionais do racú e da piobardeira nas zonas pesqueiras onde sempre operaron estas artes, e existen históricos de captura suficientes para acreditar esta afirmación. 

Desde Racuga, rematan denunciando “a situación de desamparo e inxustiza creada, que foi denunciada en reiteradas ocasións ante os órganos ministeriais competentes, sen que até agora se tivesen en conta as nosas demandas”.

Comentarios