O cerco galego debe comprar cota noutros territorios para poder pescar sardiña

O sector esgotou o tope, que cualifica a día de hoxe de "insuficiente".
A frota portuguesa recibe 67% da cota da sardiña da península Ibérica por 33% da frota do Estado. (Foto: Andr Rolo / Europa Press)
photo_camera A frota portuguesa recibe 67% da cota da sardiña da península Ibérica por 33% da frota do Estado. (Foto: Andr Rolo / Europa Press)

A campaña da sardiña, especie que supón o recurso principal para non poucas embarcacións da frota galega, remata o vindeiro 1 de novembro mais os barcos cerqueiros galegos non poden capturala desde finais da semana pasada ao se esgotar a cota fixada para o caladoiro cantábrico e noroeste, perto de 9.000 toneladas.

De querer seguir a pescar sardiña, os barcos galegos do cerco deben de mercar cota a armadores do caladoiro de Cádiz, no sur do Estado español. "É unha constante nestes últimos anos, o pasado mercamos máis de 600 toneladas alí", apunta a Nós Diario Alberto Castro, secretario da Asociación de armadores do cerco da Galiza, Acerga, que representa 110 embarcacións que traballan esta arte pesqueira.

O motivo da situación, explican, é unha repartición da cota da sardiña desde Bruxelas —e coa 'compracencia' do Estado español e a Xunta— que consideran "claramente inxusta" e que entenden que prexudica a frota galega, como advertira a inicios da actual campaña Andrés García, tamén da asociación galega representante de cerqueiros: "Galiza fica sen cota suficiente".

Repartición "desigual"

Este ano a cota para o caladoiro do norte do Estado foi maior que en exercicios anteriores mais o sector incide en que segue a ser insuficiente. Unha denuncia clara da situación é a que fixo a través dun vídeo o armador do cerco de Sada Manuel Presas: no reparto conxunto da cota de sardiña entre Portugal e o Estado español, Portugal recibe "67% desa cota malia que ten só 110 barcos de cerco censados" e o Estado fica con 33% "malia que xa só na Galiza hai 150" destes buques pesqueiros. "A que se debe esta negociación? Como pode ser?", pregunta un indignado Presas. "Están a especular co noso futuro".

Na mesma liña, Alberto Castro  lamenta que "parece que non haxa vontade política, nin aquí [pola Xunta] nin alí [polo Goberno español] para mudar esta situación". "Son topes de captura moi pequenos para os barcos e non chega, debe de haber unha repartición máis xusta, e non só na sardiña, tamén noutras especies como o xurelo", apunta o secretario de Acerga.

A esta situación engádese que a diferenza da Galiza ou Euskadi, os cerqueiros do sur do Estado xestionan a súa cota de sardiña de forma individual, co cal poden transferila a outras frotas, é dicir, vendela. Para Manuel Presas, iso dá marxe para que haxa "especulación" por parte dalgúns armadores do sur.

Afirman que hai unha abundancia de sardiña

Andrés García como Alberto Castro defenden que actualmente hai unha abundancia de sardiña nas augas do caladoiro que permitiría ampliar os topes e cotas de captura. "Os científicos —responsábeis de analizar e determinar os stocks das distintas especies existentes en augas comunitarias— teñen que ver que a recuperación deste recurso é boa", apunta Castro.

A actual campaña da sardiña abriu este ano de forma anticipada, a principios de abril, a petición do sector. Un total de 14.827 toneladas foi a cota de sardiña para toda a frota do Estado español. 

A frota galega perdeu 25% dos seus barcos desde 2004

Unha frota pesqueira sen parangón en Europa, como era a galega, certifica ano tras ano a súa perda de barcos e tripulacións, nun descenso constante que deixa pegada en todos os segmentos, desde a frota artesanal que faena no interior das rías até os grandes barcos que traballan na grande altura. En 2004 o censo da frota galega era de 5.565 embarcacións fronte ás 4.237 que ten na actualidade, 24% menos.

Unha perda en menos de dúas décadas de 1.300 embarcacións. A frota artesanal, a máis numerosa, componse agora de 3.767 embarcacións fronte ás case 4.900 que tiña en 2004. En grande altura, a pescaría en augas internacionais, pasouse de 121 buques a 103, unha mingua de case 15%. No que atinxe á pesca de altura— augas comunitarias— a Galiza ten agora 76 barcos cando no 2004 tiña 144: perdéronse 48%  dos barcos.

Comentarios