O Foro da Castaña pon o foco na recuperación do solo tras o lume
O IV Foro da Castaña, organizado pola Deputación de Ourense a través do Instituto Ourense de Desenvolvemento Económico (Inorde), aborda esta sexta feira e o sábado en Riós (comarca de Verín) a recuperación do solo logo da vaga de incendios forestais do pasado mes de agosto. O técnico Servando Álvarez, responsábel do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, con sede en Xinzo (A Limia), explicou en detalle o dano que xeran os lumes forestais no solo. “Facer un solo novo tras un incendio forestal pode tardar arredor de un millón de anos”, advertiu.
No seu relatorio neste foro, 'Rexenerando cinzas: o chan esquecido nos incendios', Álvarez subliñou que o que se pode facer tras un lume é “que non se degrade máis o solo, procurando que non haxa arrastres e a vida vexetal creza”. Advertiu tamén de que “nunha culleriña de solo hai máis organismos que toda a poboación mundial”, e alertou de que logo dun incendio forestal “os ecosistemas rómpense e o dano é tremendo”.
Sobre as posíbeis solucións para os milleiros de hectáreas queimadas na Galiza este verán, Servando Álvarez apostou en “tentar plantar especies herbáceas e, no caso no que as condicións non o permitan, facer coberturas vexetais para evitar que o aire e a auga arrastren as cinzas”.
No acto de inauguración, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, referiuse aos efectos dos incendios no sector e destacou as axudas da Xunta da Galiza a propietarios afectados polos incendios no caso concreto da castaña. Desde o sector, propietarios individuais e agrupacións propietarias de soutos no país, así como representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado, demandaron unha aposta nestas especies autóctonas e salientaron a necesidade de “impulsar” este tipo de especies fronte a outras como os eucaliptos, cuxa moratoria remata o 31 de decembro e sobre a que a Xunta aínda non aclarou se a vai ampliar. Oposición ,colectivos ecoloxistas, enxeñeiros forestais e a Fundación Arume teñen demandado unha prórroga.
A importancia dos castiñeiros
A doutora en Bioloxía e especialista en mellora xenética Beatriz Míguez interveu no foro para falar da importancia dos “portanexertos” nas plantacións de castiñeiro. Míguez detallou a nova xeración de híbridos obtidos por mellora xenética. “O castiñeiro europeo ten moitas variedades, e con denominación, máis de 70”, dixo.
Tamén Roque Rodríguez, enxeñeiro de Montes, expuxo as novidades sobre os tratamentos do castiñeiro para madeira e a súa relación coa estrutura de combustíbeis forestais. “As tipoloxías de formacións de castiñeiros son moi diferentes, non é o mesmo un souto que un monte baixo de castiñeiro”, sinalou. Desde a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos explicaron a importancia das asociacións “na mellora do cultivo de castiñeiro”. José Antonio Liñares e José Manuel Queijas incidiron na importancia de asociarse para lograr “ser un tecido máis consolidado”.
Na inauguración participaron tamén o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Riós, Eva Barrio. O IV Foro da Castaña remata hoxe cunha visita técnica a Trancoso (Portugal), rexión integrada na Denominación de Orixe Protexida da Castaña dos Soutos da Lapa, onde os asistentes coñecerán os proxectos 'LIFE FAGESOS' e 'Banco de xermoplasma de Castiñeiro'.

