Ana Miranda denuncia na Eurocámara a "ocultación" dos datos dos lumes e a "mala xestión" dos fondos europeos pola Xunta
A eurodeputada do BNG instou a Comisión Europea a reforzar o control dos recursos destinados á prevención de incendios, despois de que Copernicus cifrase en 158.000 as hectáreas queimadas fronte ás 90.000 recoñecidas polo Goberno galego.
Na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volveu cargar contra o Executivo galego pola súa xestión dos incendios forestais deste verán. Segundo explicou, mentres a Xunta da Galiza "só recoñeceu 90.000 hectáreas" queimadas, os datos de Copernicus elevan a cifra até as 158.000.
"158.000 hectáreas arderon este verán no meu país, Galiza, un país atlántico onde nin a chuvia nin a ineficacia do Goberno galego puido cos incendios", manifestou Miranda, lembrando que a veciñanza galega só coñeceu as cifras reais a través do sistema europeo Copernicus, como xa denunciou a deputada nacionalista no pleno da Eurocámara en setembro.
A eurodeputada referiuse tamén á información publicada por Praza Pública, que destapou que entre o 1 e o 18 de agosto a Xunta ocultou 447 dos 492 lumes rexistrados, informando só de 45. "Os datos son moi importantes para coñecer a superficie afectada e tamén as consecuencias dos lumes: colleitas, casas, colmeas, viñas, árbores...", sinalou.
Medio insuficientes
Miranda denunciou ademais a insuficiencia de medios destinados á loita contra o lume. "Unha verdadeira desgraza, unha verdadeira frustración por non ter os medios suficientes", afirmou durante o debate.
A eurodeputada do BNG puxo o foco na "execución deficiente" dos fondos europeos para a prevención. Segundo a resposta remitida pola Comisión Europea a unha pregunta formulada por ela mesma, o Feader chegou a Galiza para a prevención de incendios, mais "non foi ben utilizado".
Neste sentido, lembrou que o Tribunal de Contas Europeo xa criticara a mala planificación e a falta de aproveitamento dos recursos dispoñíbeis, advertindo de que a Xunta deixara fondos sen gastar malia a magnitude do problema.
Por iso, Miranda instou a Comisión Europea a exercer un control exhaustivo e unha supervisión directa sobre o uso dos fondos, para garantir que se empregan de maneira axeitada.

