O fechamento das cubas de San Cibrao separa Alcoa de Liberty House

A británica Liberty House presentaba esta segunda feira o seu plan industrial á Xunta e ao comité de empresa das factorias de San Cibrao. Desde Alcoa anunciaban alternativas sempre e cando se fechen as cubas, unha situación que eliminaría calquera oferta de compra. Os sindicatos seguen a pedir a intervención das Administracións.   
Á esquerda o responsábel de Operacións de Alvance Aluminium Group, Arnaud de Weert, minutos antes de falar co comité (Arxina)
photo_camera Á esquerda o responsábel de Operacións de Alvance Aluminium Group, Arnaud de Weert, minutos antes de falar co comité (Arxina)

Arnaud de Weert, responsábel de Operacións de Alvance Aluminium, grupo que pertence á multinacional británica Liberty House, mantivo onte dúas reunións en Compostela nas que ratificou o interese da compañia por adquirir Alcoa San Cibrao ao tempo que presentaba o plan industrial que faría realidade a continuidade do proceso produtivo de aluminio nas factorías situadas na Mariña.

As xuntanzas comezaron pola mañá co responsábel de Industria da Xunta, Francisco Conde, e continuaron pola tarde cunha reunión co comité de empresa. Das reunións trascendeu, entre outros temas, que Liberty House aceptaría a compra dunha das factorías, tal e como quería Alcoa, e non das dúas como era su intención inicial.

Liberty House non compra coas cubas paradas

Segundo publica El Confidencial, Liberty House estaría disposta a chegar a un acordo con Alcoa nun prazo de "entre catro e seis semanas" e quedarse con todo o persoal que estea traballando agora. En todo caso non estarían interesados en mercar se as factorías non están en funcionamento.

O fechamento das cubas, daquela, sería o impedimento máis serio entre as dúas multinacionais para chegar a un acordo. Na mesma carta sinalábase que, en relación ao prezo da enerxía, xa estaban en contacto co Goberno español para tratar ese tema. A multinacional británica pensa, ademais, empregar outros activos do grupo que agora mesmo están a traballar con fontes de enerxía limpa que poderían participar,  tamén, no plan de Liberty House para San Cibrao.   

A Xunta pide frear o ERE unha vez coñecido o plan 

A primeira das reunións de Arnaud de Weert foi pola mañá na Consellaría de Economía, Emprego e Industria. Segundo o propio conselleiro a información recibida e o plan industrial presentado abondan para  para permitir que a autoridade laboral volva a facer unha advertencia a Alcoa para que retire o expediente de regulación de emprego (ERE) e haxa unha "solución ordenada que garanta o mantemento do emprego", segundo afirmaba Conde.

Co informe de Liberty House na man o conselleiro instaba ao Goberno español a convocar "de  maneira urxente" unha mesa multilateral que revise as necesidades enerxéticas que ten o novo plan para darlle o visto e prace, ademais de avaliar a actual situación coa postura de Alcoa que continúa a insistir no feche das cubas e en rematar o ERE.   

Alcoa insiste en parar as cubas para poder vender

Tamén onte, na penúltima reunión entre Alcoa e o comité de empresa con motivo da negociación do ERE, a multinacional norteamericana puxo enriba da mesa dúas novas propostas, ambas coincidentes na premisa de parar as cubas. Na primeira, "prioritaria" segundo explicaron aos sindicatos, sería executar o ERE coa parada inmediata das cubas e nun posterior proceso de venda exixirlle ao novo comprador que incorpore ao persoal despedido.

Na segunda introduciría a posibilidade dun expediente de regulación de emprego (ERTE) até o 31 de xullo de 2022 e as cubas hibernarían "nun período estimado de até 120 días" cun proceso de venda da factoría de até nove meses.

Alcoa, neste caso, comprometeríase o custo de re-arranque até 35 millóns de dólares. Desde o comité de empresa esa petición é "unha liña vermella" que  "o único que se busca é atacar á fábrica".

San Cibrao é rendíbel 

"O plan que presentou Liberty House demostra que as factorías son rendíbeis", aseguraba a Nós Diario Paulo Carril (CIG) á saída da reunión coa multinacional británica. Os sindicatos tomaron con precaución, aínda que de maneira positiva, o plan presentado por Liberty House que explicou que levaba dous meses negociando con Alcoa.

Victor Ledo (CCOO) non ocultaba o seu disgusto a Nós Diario por constatar que a Alcoa "agardou até última hora cando se está a rematar o período de consultas para facer propostas". Desde o comité agardan que convencer a Alcoa de que non siga adiante co ERE e entre a negociar.

Comentarios