Os Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) queren evitar "sustos" na próxima declaración da Renda ás persoas que como consecuencia da pandemia da Covid-19 se viron afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).
Como explican desde Gestha, as persoas que se acolleron a esta figura terán a efectos fiscais dous pagadores, que son o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e a súa propia empresa, o que reduce a marxe de obriga para presentar a declaración dos 22.000 aos 14.000 euros.
Neste senso, os técnicos de Facenda recomendan a este colectivo de traballadores e traballadoras que soliciten ao SEPE ─pagador da prestación de ERTE─ ou á súa propia empresa que practiquen axustes nas retencións de cara a evitar sorpresas no Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) o vindeiro ano. "Dada a escasa ou nula retención aplicada ás prestacións públicas (en referencia ás dos ERTE), a carga tributaria trasladarase á declaración da renda de 2020", avisan.
Por este motivo, o persoal técnico de Facenda aconsella contactar coa empresa e co SEPE para corrixir esta situación. Deste modo, precisan, o pagamento sería o mesmo, mais cunha maior retención mensual (que tamén reduciría o importe líquido a percibir) o impacto na próxima declaración da renda do cobro da prestación do ERTE sería moito menor.
En todo caso, apuntan desde Gestha, o resultado da mesma variará en función das circunstancias de cada cidadán e o cobro dos ERTE afectará fundamentalmente a aquelas persoas que teñen unhas percepcións en diñeiro a maiores.