O Estado español cuadriplicou en xuño a compra de gas a Rusia, que xa supera Alxeria

Edificio da gasificadora rusa Gazprom. (Foto: Stringer / dpa)
Estados Unidos (EUA) consolidouse como principal provedor de gas natural no Estado español, superando tamén o país africano.

A compra de gas ruso en xuño no Estado español cuadriplicouse con respecto ao mesmo mes de 2021. Desta maneira, importáronse o pasado mes 8.752 gigawatts/hour (GWh) de gas natural licuado (GNL) ruso, polos 2.163 GWh de xuño do ano pasado, segundo o informe mensual de Enagás.

No que vai de ano, o Estado español mercou 22.948 GWh de GNL a Rusia, o que supón que só a adquisición do mes de xuño supuxese 38,14% do total do gas mercado a este país.

Un dos datos máis rechamantes deste aumento da compra a Rusia é que o país euroasiático superou Alxeria. O país africano era principal subministrador de gas no Estado español, cunha media de 60% do mercado, até a ruptura de relacións entre este país e Marrocos, cando os Estados Unidos (EUA) pasaron a ser o principal provedor español.

Agora, Rusia supera tamén Alxeria, cando menos no mes de xuño, no que o Estado español mercou 7.345 GWh de gas natural (GN) e 418 de GNL, polos 15.635 e 2.488, respectivamente, do mesmo mes do ano pasado.

Estados Unidos, á cabeza

Estados Unidos mantivo en xuño o posto como principal subministrador de gas natural ao Estado español, con 10.618 GWh exportados. O ano pasado, a venda de gas supoñía menos da metade do actual, con 4.608 GWh.

En termos relativos, EUA supuxo 29,4% do gas adquirido no conxunto do Estado español durante xuño, por diante de Rusia (24,4%) e Alxeria (21,6%). Con maior distancia atópanse Nixeria (10,7%) e Trindade (5,8%).

No que vai de ano, Estados Unidos tamén é o país que máis gas vendeu ao Estado español, con 78.078 GWh. Alxeria é o seguinte, con 55.962 GWh. Neste caso, Rusia ocupa o cuarto e non o terceiro lugar na clasificación, ao ser superado Nixeria con 31.651 GWh, fronte aos 22.948 GWh rusos.