O Goberno estatal recorrerá finalmente o veto á pesca mentres medra o pesimismo entre a frota galega de cara ao Nadal

Protesta do sector pesqueiro en Ribeira, o pasado 8 de outubro. (Foto: Arxina)
Fontes do Ministerio de Pesca confirman que o texto se presentará a próxima segunda feira.

O prazo para que o Goberno estatal interpoña recurso perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea contra a prohibición de pescar en 87 áreas do Atlántico nororiental remata o vindeiro sábado, 19 de novembro. In extremis, esta sexta feira, fontes do Ministerio de Agricultura e Pesca, que dirixe Luís Planas, veñen de confirmar nas últimas horas que se presentará a vindeira segunda feira, día 14.

A continuación, na cuarta día 16, está convocado consello consultivo por parte do Ministerio, e dous días despois, o 18, a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores reunirase co comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius.

A pasada cuarta feira, nun acto decorrido en Burela, onde se concentra unha parte relevante da frota afectada na Galiza polo veto, a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, xa trasladara que os traballos dos servizos xurídicos do Estado estaban "moi avanzados". O Executivo español tiña dous meses a contar desde o pasado 19 de setembro, data na que o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou a medida.

Pola súa parte, o sector ten máis tempo de tope para recorrer: até o 15 de decembro. Polo de agora presentouno a organización de produtores de Burela. Nun primeiro intre, o ministro Planas dixo que o Goberno estatal estudaría a opción de acudir á vía xudicial fronte a esta medida, se ben non foi até máis adiante que se comprometeu a interpor un recurso.

A Xunta, a través da Consellaría do Mar e perante o traballo de persoas xuristas expertas na materia, achegoulle un documento base para elaborar o recurso.

Pesimismo no sector

Diante deste escenario, e ás portas da campaña do Nadal, o sector pesqueiro galego aínda trata de adaptarse á nova situación imposta tras a entrada en vigor do veto. Os seus representantes advirten que supuxo unha caída das capturas e fixo que se instale unha sensación de "pesimismo" de cara ao futuro.

Así, asociacións do sector na Galiza mostraron a súa preocupación sobre a subsistencia das empresas debido a que moitos barcos tiveron que buscar outros caladoiros onde pescar. Con todo, na maioría das ocasións non obteñen alí os mesmos resultados que nas súas zonas tradicionais de traballo.