Erimsa proxecta unha mina a ceo aberto na área de Ordes

A rotura dunha balsa da empresa causou unha alerta en 2023 sobre 12 municipios polas verteduras sobre a bacía do Tambre.
Estado da auga na bacía do Tambre tras a vertedura de Erimsa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estado da auga na bacía do Tambre tras a vertedura de Erimsa (Foto: Nós Diario).

Erimsa, empresa con sede na Coruña e que forma parte da compañía Elkem AS (Noruega), proxecta unha mina a ceo aberto na comarca de Ordes (con impacto sobre os concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso) dunhas 1.000 hectáreas para a extracción de cuarzo. A compañía estima que a vida da explotación será de 30 anos.

Trátase da empresa responsábel da balsa de áridos resultantes da limpeza de pedra que rompeu o pasado mes de abril de 2023 e obrigou a activar unha alerta en 12 municipios polas verteduras na bacía do Tambre.

Esta mesma compañía obtivo en 2015 un permiso de investigación para avaliar a extracción de cuarzo. Agora, reformulou o proxecto da mina para recortar unhas 160 hectáreas respecto ao previsto inicialmente e reduciu a súa proximidade ao río Tambre.

Xa no ano 2017, cando se coñecían os detalles do primeiro proxecto, o sector agrogandeiro da comarca de Ordes advertía de que "os terreos explotados quedarían inservíbeis" para desenvolver a súa actividade.

Publicación no DOG

A pesar de todo isto, o Diario Oficial da Galiza (DOG) informou esta quinta feira de que a Xunta da Galiza sacou a información pública durante un mes o proxecto de explotación e o estudo de impacto ambiental desta mina a ceo aberto, que se proxecta en zona de produción agraria, polo que a empresa prevé o aluguer de leiras para os traballos, aínda que avisa de que os propietarios e as propietarias non poderán incluílas na súa solicitude de axudas da Política Agrícola Común (PAC), así como de que "as parcelas declaradas en produción ecolóxica perderían a súa condición de rexistradas".

O acceso prevese ao norte da estrada que une Ordes e Lanzá, e ao sur da estrada que comunica Ordes con Ponte Carreira. Así mesmo, aproveitará as instalacións da explotación que a empresa ten en Frades para o tratamento de mineral. As previsións de extracción son de 384.841 toneladas de cuarzo metalúrxico.

Comentarios