Ence ábrese, por primera vez, a valorar alternativas ao actual emprazamento na Ría

O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, salienta “o paso adiante importante” que supón.

 

Mesa de diálogo de ENCE no Ministerio de Transición ecolóxica.(Ministerio para a Transición Ecolóxica).
photo_camera Mesa de diálogo de ENCE no Ministerio de Transición ecolóxica.(Ministerio para a Transición Ecolóxica).

A mesa de diálogo convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica para o futuro da planta de Ence en Pontevedra supuxo que esta empresa expresase a súa vontade de escoitar activamente alternativas de localización para garantir os postos de traballo, aínda que, iso si, avisan que "non é posíbel nin por motivos técnicos nin económicos".

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, presidiu esta reunión na sede ministerial na que participaron, entre outros, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, o presidente de Ence, Ignacio Colmenares, o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os representantes legais dos traballadores.

Segundo informou Ence nun comunicado ao termo da reunión, a empresa reiterou que o traslado non é posíbel pero que estudará calquera posibilidade de futuro que se expoña no contexto desta mesa.

Ademais, a pasteira defende que continuará defendendo "a legalidade" da concesión da planta de Pontevedra e, por tanto, a súa permanencia en Lourizán até o próximo ano 2073.

Valoración positiva de Lores

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra celebrou que "por primeira vez" a empresa abrise unha posibilidade de estudar alternativas de localización á planta de Lourizán, polo que valora positivamente este posicionamento.

"Valoro positivamente a reunión, logo veremos en que se concreta", dixo Lores ao remate da xuntanza en declaracións aos medios de comunicación, que tamén celebrou a vontade da ministra Ribeira e do comité de empresa da fábrica para buscar alternativas que garantan os postos de traballo.

Iso si, recalcou que desde o Concello de Pontevedra séguese mantendo que Ence "tense que ir" e que, se é posíbel manter os postos de traballo, "moitísimo mellor". Ademais urxe unha reforma dun plan forestal e á posibilidade de buscar alternativas.

En termos parecidos expresouse o presidente do comité de empresa de Ence, Antonio Lafuente, que en declaracións a Europa Press ao remate da reunión asegurou que se todas as partes cumpren, sería unha cita produtiva. Ademais, sinalou que a ministra se comprometeu a manter unha próxima reunión nas próximas semanas.

No caso do vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reclamou "certezas e seguridade xurídica" ao Goberno español. En declaracións á Televisión de Galiza, recollidas por Europa Press, Conde aseverou que "non se pode permitir" o peche dunha industria que está en funcionamento.

Pola súa banda, a ministra Teresa Ribera animou a empresa e a Xunta a abrir un dialogo local para dar continuidade aos postos de traballo. Neste contexto, lembrou que a decisión da continuidade da empresa nesta planta depende dun fallo que debe ditar a Audiencia Nacional, onde se estuda o recurso interposto polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría contra a prórroga outorgada en 2016.

Comentarios