En Marea vén defendendo nos últimos tempos que a operación de resgate da concesión da AP-9 é abordábel en termos financeiros sen grande quebranto para as arcas públicas. A confluencia ve refrendada a súa tese coas cifras que se deron a coñecer este sábado en relación á venda do 55,6 por cento de Itínere a Globalvia, un emporio das pensións privadas do Reino Unido, Canadá e Holanda. Esta multinacional investiu 723 millóns en se facer co control da AP-9, a AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), a AG-55 (A Coruña-Carballo) e a AP-53 (Santiago-Dozón). A operación acabou por se materializar ao vender Abanca (segundo máximo accionista de Itínere) o seu 23,81 por cento. O socio con maiores participacións até o momento, o fondo norteamericano Corsair, dono do 37,9 por cento, posicionouse en contra da venda.
Se o 55,6 por cento de Itínere vale 723 millóns, resgatar a concesión da AP-9 —para a súa xestión directa por parte das administracións públicas— podería facerse cun investimento inferior aos 1.000 millóns de euros, entende En Marea. Nun comunicado de imprensa, o partido instrumental esclarece: "O prezo de venda do 55,6 por cento de Itínere desminte as estimacións do goberno e respalda a proposta da formación, que entende que os 1.200 millóns destinados á construción da A-57 [a autovía que planifica a Xunta en paralelo á AP-9] permitiría nacionalizar a autoestrada)".
A venda deixaría en mal lugar o PP, que até agora viña barallando cifras moito máis altas (arredor de 4.500 millóns de euros) á hora de avaliar os activos de Itínere, alega En Marea.
Dadas as circunstancias, En Marea pide dúas cousas. A primeira, que se materialice a transferencia a Galiza da autoestrada. A segunda, que a Xunta a nacionalice —unha vez teña competencias directas sobre a infraestrutura.