O empresario detido en Compostela tras entrar a UCO na súa vivenda está vinculado a unha rede de fraude na venda de bebidas

Segundo confirmaron fontes consultadas, o home foi posto ao dispor da Fiscalía Europea xunto outras sete persoas detidas despois de realizarse rexistros en Santiago, Madrid, Barcelona, Eivissa, Xerez da Fronteira e Valencia.
O empresario investigado en Compostela nunha operación da UCO contra os delitos fiscais ao ser introducido nunha patrulla da Garda Civil. (Foto: Europa Press)
O empresario investigado en Compostela nunha operación da UCO contra os delitos fiscais ao ser introducido nunha patrulla da Garda Civil. (Foto: Europa Press)

O empresario que foi detido pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil a pasada terza feira en Compostela está vinculado a unha organización á que se lle atribúe a suposta fraude de perto de 69 millóns de euros na venda de bebidas alcólicas entre 2018 e 2024.

Segundo confirmaron fontes consultadas, o home foi posto ao dispor da Fiscalía Europea xunto outras sete persoas detidas despois de realizarse rexistros en Santiago, Madrid, Barcelona, Eivissa, Xerez da Fronteira e Valencia.

En concreto, na capital galega, sobre as 8 horas da pasada terza feira, un equipo de investigación da UCO, xunto a efectivos da Comandancia da Coruña, entraron tras forzar a porta no domicilio do empresario, situado na rúa Algalia de Abaixo.

No lugar, axentes da UCO efectuaron un rexistro, en presenza do empresario, que se prolongou até minutos despois das 15 horas, cando os axentes abandonaron o inmóbel xunto ao detido, introducido nun vehículo patrulla da Garda Civil.

Organización "especializada na fraude masiva"

A detención deste empresario en Santiago de Compostela está vinculada coa operación coa que a Garda Civil e a Axencia Tributaria dan por desarticulada unha importante organización criminal especializada na fraude masiva de perto de 69 millóns no sector das bebidas alcólicas, responsábel de eludir entre 2018 e 2024 o pagamento de IVE correspondente ás transaccións comerciais realizadas.

A través dun comunicado conxunto remitido esta quinta feira, as entidades que tomaron parte da denominada 'Operación Gallagher', Garda Civil e Axencia Tributaria baixo a dirección da Fiscalía Europea, explicaron que a operativa defraudadora realizábase coa participación de depósitos fiscais estabelecidos principalmente nos Países Baixos, Portugal e o Estado español.

O equipo investigador puido corroborar a importación de grandes cantidades de alcol desde depósitos fiscais de varios estados até un depósito fiscal no Estado español, lugar onde o alcol ingresaba con suspensión do pagamento de tributos, conforme a lexislación comunitaria.

O texto especifica que a organización criminal estaba especializada desde hai anos no perfeccionamento de delitos contra os intereses financeiros da Unión Europea e contra a Facenda Pública, operando no mercado das bebidas alcólicas a través dunha estrutura empresarial conformada por 93 mercantís do Estado español, Portugal, Alemaña, Malta e de Illas Turcas e Caicos.

Os xefes da organización criminal, dirixida por tres cidadáns do Estado español, valeríanse dunha estrutura de homes de palla situados á fronte de numerosas empresas instrumentais, o que lles permitía desvincularse aparentemente da actividade comercial, dificultar a trazabilidade do produto e facer recaer sobre estas mercantís, as responsabilidades penais derivadas da actividade delituosa.

En total, nas 19 entradas e rexistros practicadas en Compostela, Madrid, Barcelona, Eivissa, Xerez da Fronteira e Valencia, foron detidos oito membros desta organización, así como se interviñeron perto de 400.000 euros en efectivo, máis dun millón de euros en contas bancarias, un iate, 34 reloxos de luxo, cinco vehículos de alta gama, así como a solicitude de embargo de 21 inmóbeis.

Comentarios