Trump ameaza con impor aranceis de 200% ás bebidas alcólicas da Unión Europea

Se Bruxelas non retira "de inmediato" o gravame anunciado de 50% sobre o bourbon dos EUA.
Un vendimador recolle a uva en Doade (Sober). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un vendimador recolle a uva en Doade (Sober). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ameazou esta quinta feira con impor "en breve" un arancel de 200% "a todos os viños, champañas e produtos alcólicos procedentes de Francia e outros países representados pola UE (Unión Europea)" se Bruxelas non retira "de inmediato" o gravame anunciado de 50% sobre o bourbon dos EUA.

"Isto beneficiará enormemente o sector do viño e a champaña nos Estados Unidos", asegurou Trump, que acusou a UE de ser unha das autoridades fiscais e arancelarias máis hostís e abusivas do mundo, "creada co único propósito de aproveitarse dos Estados Unidos". Desde Bruxelas, a Comisión Europea declinou facer comentarios sobre o novo anuncio de Trump, seguindo a súa estratexia de actuar só cando a nova Administración dos EUA toma decisións firmes.

En todo caso, fontes comunitarias confirmaron que o comisario de Comercio e Seguridade Económica, Maros Sefcovic, contactou co seu homólogo estadounidense "inmediatamente despois" de anunciar esta cuarta feira as contramedidas comunitarias –a imposición de aranceis por valor de 26.000 millóns de euros a unha ampla gama de produtos procedentes dos Estados Unidos– e "estanse preparando chamadas" para abordar a situación.

A guerra comercial e a demanda de petróleo

A guerra comercial desatada polos EUA coa imposición de aranceis a distintos estados e as represalias anunciadas por estes como resposta implicarán unha deterioración das condicións macroeconómicas que sustentan as proxeccións de demanda de petróleo, segundo advertiu esta quinta a Axencia Internacional da Enerxía (AIE). 

Neste contexto, a AIE anticipou un exceso de oferta nos mercados petroleiros ante a retirada de restricións polos estados produtores de cru. Neste sentido, os datos máis recentes sobre a demanda de petróleo "foron decepcionantes" e as estimacións de crecemento do consumo de cru para o cuarto trimestre de 2024 e o primeiro trimestre de 2025 "revisáronse á baixa lixeiramente", engadiu.

Mentres tanto, o prezo dos carburantes proseguiu esta semana cos descensos rexistrando a terceira baixada consecutiva. En concreto, o prezo medio do litro de diésel rexistrou unha caída de 1,2% para situarse nos 1,472 euros, o seu nivel máis baixo desde mediados de xaneiro, segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea. Pola súa parte, o prezo medio do litro de gasolina descendeu 1,15% para caer aos 1,540 euros, o seu nivel máis baixo desde a primeira semana do ano 2025.

"Monumental" incerteza

A "monumental" incerteza que actualmente existe na economía mundial reflíctese na revisión á baixa das proxeccións de crecemento do Banco Central Europeo (BCE) publicadas a semana pasada, segundo indicou o vicepresidente da institución, Luis de Guindos, para quen a Unión Europea (UE) se atopa "nunha encrucillada" ante a necesidade de elevar o gasto en armamento.

Os principais factores que impulsaron esta revisión á baixa das previsións foron, segundo dixo, en primeiro lugar, o investimento, "xa que a incerteza na economía mundial está a afectar á confianza", e as exportacións, "debido á guerra comercial que agora comeza a desatarse".

América Latina

A política comercial dos EUA, con maiores aranceis, entre outros factores, podería traer efectos negativos para a economía latinoamericana, como a depreciación das moedas locais fronte ao dólar ou unha maior inflación en caso de represalias, sinalou esta quinta feira o Banco de España.

Neste escenario, a entidade destacou que unha vía de diversificación das exportacións latinoamericanas cara a outros mercados é a aberta polo pactos asinados por México ou o bloque de Mercosur coa UE, o que podería dar lugar a un aumento dos intercambios comerciais.

Comentarios