81,6% da potencia hidroeléctrica, en mans Iberdrola, Naturgy e Endesa

As eléctricas obtiveron dos ríos galegos en 2021 ingresos de 856 millóns de euros

A Galiza xerou en 2021 7.689.622 de megawatts á hora de electricidade de orixe hidráulica. Segundo sinala a Nós Diario Fernando Branco Parga,  integrante do Colectivo Bidán, “sendo a produción total no país mediante a tecnoloxía hidráulica no pasado ano, tal é como indica Rede Eléctrica Española (REE), de 7.689.622 Mw/h, a un prezo medio de 111,4 euros no mercado grosista, os ingresos na Galiza das eléctricas  con centrais hidráulicas situáronse en 856 millóns de euros”.

O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera O encoro de Belesar (Chantada), o de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).

Os ingresos das compañías eléctricas pola xeración de enerxía de orixe hidráulica no último ano foron históricos. Se nos últimos anos pasaba por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achegaba ás compañías do sector, cunhas ganancias situadas entre 500% e 1.000%, a suba do prezo da luz propiciou beneficios descoñecidos para as estas empresas. Mesmamente, estas cifras certificáronse en exercicios como 2020, que empresas do sector como Iberdrola consideraron “malos”. 

Os beneficios obtidos polas compañías eléctricas nos ríos galegos na última década estiveron por enriba de 4.000 millóns de euros. Segundo un traballo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”.

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid. A terceira, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros.

As tres compañías declararon importantes beneficios e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza.

Potencia hidroeléctrica

A Galiza é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e 18% da potencia total en funcionamento.

A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde á Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta.

A especialización enerxética da Galiza

A Galiza exportou en 2021 28,1% do total da electricidade producida. As cifras situáronse na liña das últimas anualidades, chegando a 31,8% en 2020, a 25% en 2019 e a 35% en 2018.

Neste sentido, practicamente a terceira parte da electricidade producida polas distintas tecnoloxías non se utiliza no país, destinándose a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais.

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios cuestiona os beneficios da especialización produtiva da Galiza na xeración eléctrica e sinala que “non deixa de ser curiosos que se afonde na especialización produtiva no ámbito enerxético cando o sector industrial ligado ao mesmo está en proceso de desmantelamento” .

Comentarios