Que modelo enerxético precisamos?

A enerxía hidroeléctrica na Galiza

José A. Blanco Moa e Carlos Aymerich Cano, profesores da Universidade da Coruña, proseguen o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.

Na maioría dos Estados europeos, os recursos hidroeléctricos son explotados de forma moi maioritaria por empresas públicas (Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera Na maioría dos Estados europeos, os recursos hidroeléctricos son explotados de forma moi maioritaria por empresas públicas (Ilustración: Álex Rozados).

Con 20.409 MW de potencia instalada e producindo en 2020 arredor do 13% do total, a hidroeléctrica é a cuarta fonte de produción eléctrica no conxunto do Estado español, que se sitúa como cuarto produtor europeo, apenas atrás da Noruega, Francia e Italia e por diante da Suíza, Suecia, Austria, Alemaña ou Portugal. Na Galiza, segundo datos do Instituto Galego de Enerxía (Inega), existen uns 4.138 MW de potencia hidroeléctrica instalada. Isto significa ao redor do 20% do total da potencia hidroeléctrica existente no Estado con destaque da grande hidroeléctrica, que presenta un 92% do total da potencia instalada galega.

Porén, alén da súa participación no mix enerxético, a hidroeléctrica ten unha importancia cualitativa decisiva: os encoros poden converter con relativa sinxeleza e rapidez a auga acumulada en electricidade, con custos de explotación moi baixos unha vez construída a infraestrutura, tratándose ademais dunha enerxía relativamente limpa.

As concesións hidroeléctricas na Galiza

A enerxía hidroeléctrica en España explótase a través da figura da concesión. A regulación esencial de tales concesión é principalmente de carácter estatal. A lexislación galega complementa a estatal con previsións, maiormente, de carácter ambiental e organizativo.

Do ponto de vista competencial, as concesións sobre as bacías internacionais ou interautonómicas (Miño-Sil, Cantábrica e Douro) son outorgadas pola administración do Estado, correspondendo á administración galega as concesións sobre a bacía Galiza-Costa.

Canto á duración das concesións, a Lei estatal de Augas de 1985, estabeleceu un prazo máximo de 75 anos prevendo, como norma transitoria para os aproveitamentos concedidos antes da súa entrada en vigor, que ese prazo máximo de 75 anos se compute desde a súa entrada en vigor, a non ser que o propio título concesional fixase un prazo menor. Esta modificación do prazo concesional foi avalada polo Tribunal Constitucional na Sentenza 227/1988 como “razoable e suficiente, a efectos da amortización das obras necesarias para a normal utilización da concesión”.

Polo que di respecto á posibilidade de prorrogar a concesión por máis 10 anos, prevista no artigo 59 do Texto Refundido da Lei de Augas, o Tribunal Supremo ten declarado que esta prórroga tampouco pode exceder, sumada ao prazo orixinal, do máximo de 75 anos. Vencido ese prazo, procede a reversión á Administración concedente, libre de cargas, de todo o construído no dominio público hidráulico.

A hidráulica non está á marxe do oligopolio existente no resto do sector eléctrico estatal e galego. Iberdrola e Naturgy controlan boa parte da nosa produción hidroeléctrica. A primeira destas compañías opera uns 1.928,57 MW de potencia instalada en grandes centrais e outros 8,59 MW en mini hidráulica, o que lle outorga o 46,8% do total da potencia instalada galega. No entanto, Naturgy conta con 1.346,02 MW en grandes e 42,36 MW en pequenas centrais, o 33,6% da potencia total instalada. Tanto elas como as demais titulares de concesións hidroeléctricas son compañías enteiramente privadas.

Comparativa internacional

Na maioría dos Estados europeos, os recursos hidroeléctricos son explotados de forma moi maioritaria por empresas públicas ou, cando menos, participadas de forma relevante por entidades públicas e, nos casos en que se permite a explotación por empresas privadas, os títulos correspondentes teñen unha duración ben inferior á fixada pola lei española.

Tal é o caso da Noruega, que en 2008 lexislou para estabelecer o principio de que pertencen ao público en xeral e deben ser administrados a través da titularidade pública das explotacións a nivel central, comarcal ou municipal.

Na Francia, o 80% da potencia hidroeléctrica instalada no país está en mans de EDF. De resto, o Código da Enerxía prevé a fórmula das empresas de economía mixta nas que o Estado ou as Administracións locais posúen entre o 34% e o 66% do capital social e detentan entre o 34% e o 66% dos dereitos de voto.

Na Italia os aproveitamentos realízanse a través de concesións cunha duración máxima de corenta anos, coa posibilidade dunha prórroga de dez anos. O sector está formado por compañías como ENEL ou ENI, nas que o Estado italiano é o principal accionista, aínda que controla menos da metade do seu capital social.

Noutros países como Alemaña ou Suíza destaca o seu marcado carácter descentralizado. Así, nestes países a regulación relevante do sector é de carácter rexional. No caso alemán destacan os Länder alpinos -Baden-Württemberg e Baviera- que son os que máis potencia hidroeléctrica instalada teñen. Neles o sistema previsto para a explotación do recurso é o de permisos e licenzas por un prazo de 30 anos. Canto á estrutura do mercado de produción, nel conviven empresas de carácter privado como E.ON ou RWE con empresas públicas de ámbito federal tales como a EnBW ou aínda empresas públicas estranxeiras.  O caso de EnBW resulta especialmente relevante dado que os seus socios maioritarios son o Land de Baden-Württemberg e unha asociación de entidades locais dese mesmo Estado. 

Perspectivas de futuro

O réxime de explotación dos recursos hidroeléctricos na Galiza é o de concesións en mans de empresas privadas cun marcado carácter de oligopolio. Este réxime apenas é replicado noutros países onde estes aproveitamentos tenden a estar en compañías de carácter público que, en función do país, son de control estatal ou de control rexional ou local. Pese a iso, a Comisión Europea en 2019 requiriu a varios países europeos, e mesmo enviou cartas de emprazamento, instándoos a modificar a súa normativa ao respecto.

Alén das modificacións normativas que a UE poida impor (no relativo, por exemplo, á excesiva duración dos prazos concesionais), o próximo vencemento de diversas concesións debería levar, a nivel estatal e galego, a debater se o sistema actual é o óptimo ou se debe ser modificado. Un debate no que a decisión sobre a participación pública debe ocupar un papel fundamental.

Comentarios