As eléctricas obtiveron dos ríos galegos 4.049 millóns nunha década

Disparada a produción dos encoros no primeiro cuadrimestre de 2021.
Presa do encoro de Castrelo de Miño. (Foto: Xoán Bangueses) #encoro #eléctricas #castrelodemiño #hidroeléctricas
photo_camera Presa do encoro de Castrelo de Miño. (Foto: Xoán Bangueses)

A hidráulica é unha das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera. Se nos últimos anos pasaba por ser unha das tecnoloxías enerxéticas que máis dividendos achegaba ás compañías do sector, cunhas ganancias situadas entre 500% e 1.000%, a alza do prezo da luz anuncia beneficios históricos para finais deste ano. Onte, cando o custo da factura eléctrica se situou en 116,73 euros MW, os beneficios das compañías eléctricas colocáronse por riba de 1.000%. En relación con isto, o membro do colectivo de debate enerxético Bidán Fernando Branco Parga sinala a Nós Diario que “son tantos os beneficios que a enerxía hidráulica recibe que no sector son chamados beneficios chovidos do ceo”.

A Galiza é unha gran potencia hidroeléctrica. Actualmente dispón de 166 centrais, 45 de grande hidráulica e 121 de pequena hidráulica, cunha potencia instalada de 3.738 megawatts, que representa aproximadamente o 24% da electricidade desta orixe xerada no Estado e o 18% da potencia total en funcionamento. A maioría dos encoros de grande hidráulica están xestionados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ente dependente do Goberno do Estado, mentres que o groso das minicentrais fan parte da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, que inclúe aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde á Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta.

Un ano de beneficios históricos

Os beneficios obtidos polas compañías eléctricas nos ríos galegos na última década están por enriba de 4.000 millóns de euros. Segundo un traballo elaborado polo colectivo de debate enerxético Bidán, tomando como referencia o prezo medio do megawatt en cada unha das anualidades e a produción eléctrica de orixe hidráulica certificada para a Galiza por Rede Eléctrica Española (REE), “as centrais hidroeléctricas instaladas nas concas galegas xeraron ás empresas eléctricas entre 2011 e 2020 unhas ganancias de aproximadamente 4.049 millóns de euros”. A este respecto, Branco lembra que “non están incorporados os números relativos a 2021, porque Rede Eléctrica só achega información até maio deste ano”, se ben apunta que “os beneficios da anualidade van ser moi altos pola suba do prezo da luz”. 

Os encoros galegos xeraron 5.206.380 megawatts á hora entre xaneiro e maio de 2021. Á vista destes datos, dáse por feito que a produción deste ano vai ser histórica. Iberdrola recoñeceu que a aumentou en 37% en relación co pasado exercicio. Precisamente, a xeración de orixe hidráulica na Galiza en 2020 foi de 7.917.294 megawatts á hora, situándose os beneficios das compañías concesionarias das centrais hidroeléctricas en aproximadamente 268 millóns de euros, ao fixar o megawatt un prezo medio no mercado ao por maior de 33,96 euros. Porén, 2020 resultou un exercicio negativo en prezo e produción para o sector hidroeléctrico, a diferenza de 2018, cando xeraron 8.555.807 megawatts á hora, a un valor no mercado de 57,29 euros o megawatt, superando as ganancias os 490 millóns de euros.

A patronal das grandes consumidoras enerxéticas estima para 2021 un custo medio do megawatt á hora de 74,64 euros. No caso de confirmarse esta cantidade e tendo en conta que as compañías apuntan a unha produción nos niveis de 2018, os encoros galegos van achegar ás contas de resultados das corporacións enerxéticas máis de 638 millóns de euros.

Un negocio para as empresas foráneas

O negocio hidráulico está na súa práctica totalidade en mans de Iberdrola, Naturgy e Endesa, que controlan o 81,68% da potencia hidroeléctrica instalada na Galiza. A primeira, con sede social en Bilbo e sede fiscal en Madrid, conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros. A segunda, herdeira da vella Fenosa, dispón de 1.120 megawatts e 12 encoros, pagando, tamén, os seus impostos en Madrid. A terceira, propiedade da empresa pública italiana Enel e con enderezo fiscal en Madrid, explota 375 megawatts e seis encoros. As tres compañías anuncian resultados históricos para este exercicio e adiantan importantes investimentos fóra do país, unha parte deles financiados cos beneficios obtidos na Galiza.

O prezo da luz continúa en máximos

O custo da electricidade continúa disparado e todas as previsións apuntan a un ascenso sostido até finais de 2022 ou comezos de 2023. A este situación contribúen os movementos nos mercados ligados ao sector enerxético, a propia operativa das compañías xeradoras e, especialmente, un sistema eléctrico estatal que permite ás corporacións enerxéticas fixar os prezos dos consumos. Neste contexto, enténdense os beneficios dos principais operadores eléctricos no primeiro semestre do ano, con Iberdrola declarando unhas ganancias netas de 1.531 millóns de euros, Endesa de 832 millóns de euros e Naturgy de 557 millóns de euros.

O prezo da luz no mercado ibérico non deixa de marcar máximos ao longo dos últimos días. Ao longo deste mes téñense batido todos os récords históricos, rexistrando a  quinta feira de 19 de agosto unha cotización de 113,40 euros megawatt á hora, a sexta feira de 20 de agosto, unha cotización de 117,14 euros megawatt á hora e a segunda feira de 23 de agosto, unha cotización de 97,76 euros megawatt á hora. A tendencia á alza da electricidade coincide con denuncias ás enerxéticas por posíbeis prácticas fraudulentas na fixación dos prezos e unha tensión co Goberno do Estado pola xestión da transición enerxética.

A factura eléctrica fechou onte cun prezo de 116,73 euros megawatt á hora. Nesta liña, o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) dá por feito que o prezo de marxinal de referencia chegue a superar a finais de ano os 125 euros, nunha perspectiva ascendente que non ten teito a curto prazo. Nesa dirección, as medidas adoptadas até o momento polo Goberno do Estado para facer fronte a esta situación amósanse insuficientes, co conseguinte malestar entre particulares e empresas.

Comentarios