Alimentación

É peixe ou vexetal? A frota alerta sobre a etiquetaxe "confusa"

Preparado de produtos vexetais con aspecto e sabor de peixe (Nós Diario).
O sector pesqueiro denuncia unha suposta fraude na etiquetaxe dos peixes de orixe vexetal ou de laboratorio ante Consumo.

O sector pesqueiro alertou esta cuarta feira ao Goberno do Estado español dunha suposta fraude na etiquetaxe dos peixes de orixe vexetal ou de laboratorio que buscan "enganar" as persoas usuarias. A representación do sector, remitiu un novo escrito á directora xeral de Consumo, Bibiana Medialdea, no que advirte á responsábel do departamento sobre a presenza no mercado de produtos de orixe vexetal que cunha etiquetaxe e presentación "confusas".

Segundo a representación da frota, estes produtos pretenden asimilarse aos produtos pesqueiros para favorecer o seu consumo, "cando nin son pescado nin achegan os nutrientes, minerais e beneficios dos produtos pesqueiros".

Desta forma, solicitan a Consumo que realice, coa "maior urxencia", as xestións necesarias para proceder á revisión e posterior retirada deste tipo de produtos fraudulentos, que supoñen un "engano" ás persoas usuarias.

Incumprimento de normativa

O sector lembrou que ademais de incumprir con varias normativas de ámbito comunitario e estatal referidas ás prácticas de competencia desleal, a etiquetaxe, a presentación e publicidade dos produtos alimenticios, e a seguridade alimentaria e nutrición.

Estes produtos de orixe vexetal "confunden claramente ao consumidor, xa que fanlle crer que coa súa inxestión pódense obter os mesmos beneficios nutricionais que se conseguen cos produtos pesqueiros", concluíron.