Saúde

Cantas veces comes peixe por semana? Máis da metade dos galegos consome menos do que recomendan os expertos

O ano pasado chegou ás lonxas galegas —na imaxe, a de Burela— a menor cantidade de peixe e marisco en case dúas décadas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Máis de 57% dos galegos e galegas afirman que o principal motivo polo que non consomen peixe é debido ao seu "elevado prezo".

Máis da metade dos galegos e galegas consome menos peixe do que recomendan os expertos, segundo un estudo que vén de publicar a Unión de Consumidores da Galiza, desenvolvido no primeiro semestre de 2023 e que mostra diferenzas nos hábitos de consumo respecto dos datos obtidos no estudo de 2019. Constátase unha mellora na frecuencia de consumo recomendado, entre tres e catro veces por semana, ao pasar de 28% dos fogares en 2019 a case 34,5% en 2023.

Porén, advirten as persoas autoras do estudo, estas cifras "seguen a ser moi negativas", pois máis de 55% da cidadanía galega asegura non consumir peixe habitualmente ou facelo só unha ou dúas veces por semana, o que a ollos das recomendacións dos expertos resulta claramente insuficiente.

Mellora tamén a porcentaxe de persoas (7,7%) que aumentou a frecuencia dunha soa vez á semana a un maior consumo. E empeoran, pola súa parte, os datos de persoas que afirman non consumir peixe, que pasan de 1,82% a 2,66%, así como os relativos ás que consumían pescado con maior frecuencia, que baixan até 9,72%, fronte o máis de 10,5% de 2019.

Máis de 57% dos galegos afirman que o principal motivo polo que non consomen peixe é debido ao seu "elevado prezo". A metade case exacta (51%) di que por culpa do prezo non consome tanto pescado como querería. Outros motivos argumentados teñen que ver co tempo de preparación (13%) e os horarios dos estabelecementos de venda (11%).

A decisión de non aplicar unha supresión ou rebaixa do IVE no peixe ten consecuencias e así o asegura até 68% dos galegos e galegas, segundo o mesmo estudo. Esta medida, certifican, incentivaría un maior consumo.

O consumo en fresco é o maioritario (92%), malia que as cifras de consumo en conserva (49%) e conxelado (38%) son significativas. Case 60% das persoas na Galiza decántanse polo consumo de peixe salvaxe, fronte ao 10% que se inclina polo de cultivo e outro 20% que afirma consumilos por igual.

Para Unión de Consumidores, preocupa "especialmente" a cifra de persoas que afirman non saber distinguir peixe salvaxe de cultivo, un de cada dez galegos. A porcentaxe de galegos que prefiren consumir peixe cando comen fóra de casa (case 45%) contrasta co 13% que opta pola carne. Peixe ou carne en igual medida afírmao o 38%.