Fitur

A Deputación de Lugo aposta polo turismo cultural "non masificado" mostrando a arte románica

"Apostamos por un turismo non masificado, personalizado, onde cada un pode facer as súas rutas turísticas", salienta José Tomé.
A Deputación aposta no románico. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
photo_camera A Deputación aposta no románico. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)

A Deputación de Lugo apostou esta quinta feira por un proxecto turístico cultural e paisaxístico "non masificado" mostrando o románico da provincia na súa participación na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se leva a cabo esta semana en Madrid.

Na presentación, o presidente da institución, José Tomé Roca, destacou a importancia de dispor dun modelo turístico "sustentábel" que fomente o respecto ao medio ambiente conxugado coa posta en valor do patrimonio cultural do que dispón Lugo.

O fío condutor do proxecto lucense presentado en Fitur son os monumentos románicos da provincia, sendo unha das rexións europeas con máis concentración deste tipo de elementos.

"Apostamos por un turismo non masificado, personalizado, onde cada un pode facer as súas rutas turísticas, elixindo os templos, os mosteiros que quere visitar", subliñou Tomé Roca.

Neste senso, lembrou que a Deputación facilitou "o labor" dos visitantes coa posta en marcha de diferentes rutas románicas e guías actualizadas de patrimonio.

Ruta transrománica europea

O presidente tamén quixo mostrar o seu orgullo por conseguir que a provincia entrase na Ruta Transrománica Europea, un recoñecemento do Consello de Europa que converte Lugo no primeiro territorio da Galiza e o terceiro de todo o Estado español en formar parte desta iniciativa.

Na presentación da Deputación de Lugo participou o actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022.

El subliñou a provincia como un "lugar inspirador" onde calquera artista pode atopar inspiración para a súa obra. Tamén indicou a idoneidade de Lugo como estudio de cinema.

Precisamente Salgado foi o protagonista do vídeo que a Deputación preparou para Fitur, onde se percorre parte dos innumerables monumentos románicos dos que dispón Lugo.

Comentarios