Denuncian que o borrador do decreto de nutrición dos solos agrarios prexudicaría as granxas galegas

A nova norma obrigaría a contratar asesoramento para estercar as fincas.
Marco da Curra, en Monfero (Sindicato Labrego Galego)
photo_camera Marco da Curra, en Monfero (Sindicato Labrego Galego)

Máis de corenta alegacións presentou o Sindicato Labrego Galego (SLG) contra o borrador de real decreto para a nutrición sustentábel dos solos agrarios que está a preparar a Subdirección Xeral de Medios de Produción Agricola do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Desde esta organización consideran que esta normativa "de non revisarse profundamente, será letal para as pequenas e medianas explotacións do norte peninsular e que afecta todos os sectores produtivos, desde os gandeiros como o vacún de leite e de carne, até o vitícola, o froiteiro, a horta ou o forestal".

Desde o SLG afirman que é "un auténtico despropósito que só vai beneficiar a determinadas industrias, como as de venda de maquinaria agrícola ou a industria dos abonos". 

Sen diferenciar o esterco do xurro nas explotacións

No borrador non se distingue entre esterco e xurro, "un auténtico disparate, xa que se obvian os beneficios do primeiro fronte ao segundo" cando sinalan que "condenan a ter as mesmas obrigas e controis a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco que a unha macroexplotación de porcino con miles de porcos" A norma mesmo obrigaría a contratar asesoramento privado para estercar as fincas.

Pola contra permítese o emprego de lodos de depuradora e refugallos da agroindustria para producir alimentos, sen incluír novas restricións ou obrigas no seu uso. O borrador mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material. Isto pode ser unha bomba de reloxería para a saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios.

Ademais sinalan que a base de datos do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, xa que non contempla a existencia de gando de aptitude leiteira en pastoreo, cando 61,2 % das granxas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño.

Desde o SLG defenden que haxa unha discriminación positiva para as granxas ecolóxicas, as pequenas explotacións familiares e os proxectos agrarios biodiversos e a excepción ao cumprimento do decreto. Aconsellan unha norma máis estrita para as granxas sen terra e a exclusión dos cultivos forestais de crecemento rápido.

Comentarios