DI QUE NON PODE FIXAR O PREZO DO LEITE

O Ministerio de Agricultura anuncia que concederá 300 euros por vaca

A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, anunciou hoxe que o Ministerio concederá axudas directas de 300 euros por vaca para as explotacións que vendan o leite por debaixo da rendibilidade. A medida, segundo as súas previsións, beneficiará entre 2.500 e 3.000 explotacións.

Vacas pacendo
photo_camera Vacas pacendo

300 euros por vaca para as explotacións que vendan o leite por baixo da rendibilidade. Así é como o Ministerio de Agricultura pretende atallar a crise do sector leiteiro que tanto lle afecta a Galiza. Segundo a ministra, que anunciou esta medida nunha entrevista concedida á Cadena Cope, beneficiará entre 2.500 e 3.000 explotacións.

García Tejerina, que non ofreceu máis datos sobre esta medida, sinalou que o Ministerio estuda a posibilidade de conceder unha moratoria de un ano para os créditos concedidos polos Ministerio aos gandeiros e gandeiras. Sinalou, ademais, que é “absolutamente falso” que o Goberno francés fixase un prezo para o leite. Dixo que fixar prezos é algo que prohiben as normas de competencia comunitarias. “O importante é non xerar expectativas falsas e non enganar”, engadiu.

A ministra, que presumiu do “gran número de medidas” estabelecidas “desde o comezo da lexislatura” para favorecer o sector leiteiro, aludiu ao Consello extraordinario de ministros de Agricultura da UE, convocado para o 7 de setembro. Expresou o seu desexo de que se fechen acordos e de que comece “unha etapa nova para o sector leiteiro”. Avanzou, ademais, que a vindeira sexta feira (28 de agosto) manterá un encontro cos ministros de Francia, Italia e Portugal para chegar a un acordo e para conseguir o mellor resultado posíbel na reunión do Consello.

Comentarios