Galiza recibe só 0,47% do total das achegas do Ministerio de Agricultura

62.952 euros sobre unha cantidade total de 13,38 millóns
Explotación bovina galega. (Foto: Europa Press).
photo_camera Explotación bovina galega. (Foto: Europa Press).

O Consello de Ministros vén de aprobar a distribución territorial definitiva entre as comunidades autónomas de 13,38 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de actuación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para apoiar os sectores gandeiro e pesqueiro. 

Da cantidade total, 3,38 millóns de euros irán destinados ao financiamento de paradas temporais na flota de Mediterráneo e golfo de Cádiz, que se repartirán  entre Andalucía, Catalunya, Illes Balears e Murcia.

O resto, exactamente 10 millóns de euros, repartiranse entre as comunidades autónomas para a concesión de axudas ás explotacións gandeiras de cordeiro e cabrito con dificultades de comercialización como consecuencia das limitacións impostas pola declaración do estado de alarma para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus.

Así, Estremadura percibirá 2,18 millóns de euros; Andalucía, 1,99 millóns; Castela e León, 1,98 millóns; Castela-A Mancha (1,58 millóns... Galiza, pola súa banda, recibirá 62.952 euros, que representan tan só 0,47% do total do total da liña de achegas.

Galiza, "discriminada"

Ante o enorme contraste nas cifras, o Ministerio de Agricultura precisou que para a súa distribución tomou como base a información relativa ás femias reprodutoras das especies ovina e caprina recollida no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (Sitran) en explotacións de produción primaria con máis de 50 femias reprodutoras (ovino) e máis de 30 (caprino) destinadas á "reprodución para a produción de carne", "reprodución para a produción de leite" ou "reprodución para produción mixta"

Non obstante, o Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que os criterios empregados polo Ministerio "non se adaptan á realidade da Galiza", e engade que o fai "de modo sistemático".

"Galiza é un dos territorios que máis peso ten nos sectores gandeiros, cunha das cabanas máis importantes de todo o Estado, e estas cantidades indican que hai unha discriminación e unha marxinación clara da gandaría galega", afirman.

O SLG critica tamén que o Goberno galego non "faga valer" a realidade galega, "que non é a mesma que a do centro e a do sur do Estado". "A Xunta renuncia a defender os intereses do sector", conclúen.

Comentarios