18-F | DEBATE

DEBATE | Cal é a aposta para o monte galego do futuro de PP, BNG e PSdeG?

A eucaliptización é unha das características do actual modelo forestal da Galiza. Hoxe, os cultivos de eucalipto e piñeiro ocupan 53.000 hectáreas máis que hai unha década, segundo un estudo do Consello da Cultura Galega que destaca o impacto transformador na paisaxe, no solo e no réxime hidrolóxico do territorio onde se asentan estas especies de crecemento rápido. O auxe dos monocultivos entra en liza con outros asuntos chave nun contexto de cambio climático e abandono do rural: incendios, industria e xestión multifuncional. PP, BNG e PSdeG expoñen as bases do seu modelo forestal.
Ángel Rodríguez Conde (PP), Luís Bará Torres (BNG) e Mayra García Bermúdez (PSdeG). (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ángel Rodríguez Conde (PP), Luís Bará Torres (BNG) e Mayra García Bermúdez (PSdeG). (Foto: Nós Diario)

Ángel Rodríguez Conde, candidato número 17 do PP pola A Coruña. Bombeiro forestal, xefe de brigada, e parlamentario

Galicia ten máis de 1,4 millóns de hectáreas arboradas, cun 42,5 % de frondosas, seguidas por coníferas e eucalipto. O Plan Forestal garante a diversidade de recursos, fomentando variedades autóctonas cun enfoque multifuncional e sustentable. O monte é unha gran riqueza para os galegos, unha "caixa de aforros". Ata 80.000 familias obteñen rendas del, cun peso importante do eucalipto.

En Galicia córtase a metade da madeira de España, cunha media anual de 10 millóns de metros cúbicos. Por iso, apostamos por pechar os ciclos industriais, desde o recurso ata o produto, e defendemos proxectos como as anunciadas biofábricas, tanto a de fibra sostible de Altri como a futura bioplanta para a produción de fibra branqueada proveniente de reciclaxe de papel e cartón de Ence. Galicia é, tamén, a primeira comunidade con medidas concretas para fomentar o uso de madeira na construción.

Unha xestión activa permite compaxinar os usos agrícola, gandeiro e forestal

E todo isto sen que se dean subvencións ao eucalipto e mesmo con axudas para financiar a substitución de eucaliptais degradados por outras especies, garantindo a preservación do bosque autóctono e a biodiversidade. Así mesmo, promóvese a mellora da xestión e da produtividade das masas existentes, asegurando a demanda de madeira do sector.

Tamén, coa Lei de recuperación da terra agraria, suspendéronse temporalmente as novas plantacións de eucalipto ata o 2025 onde non os había, medida supeditada ao Inventario Forestal Continuo. Esta moratoria reforza a aposta por un monte diverso, con fitos coma o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas (4.100 hectáreas) e o programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña. Outras actuacións son as axudas para accións silvícolas ou para a creación de superficies de coníferas e frondosas.

Procuramos a xestión activa do territorio para situar "cada cousa no seu sitio", compatibilizando os usos agrícola, gandeiro e forestal, e contemplamos actuacións para impulsar descontinuidades (paisaxe mosaico), co que tamén se fai prevención.
Porén, hai que ter presente que o 98% do monte galego está en mans privadas, de propietarios particulares ou comunidades veciñais, entre outras figuras. Os seus titulares teñen todo o dereito a optar pola orientación produtiva que máis lles conveña, respectando a normativa e a planificación estratéxica, cun enfoque sostible ambiental, económico e social.


Luís Bará Torres Porro, cabeza de lista do BNG por Pontevedra. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e parlamentario

O monte, que ocupa dous terzos da superficie do noso país, debe ser unha das grandes factorías da transformación de Galiza, como fonte de biodiversidade, saúde, benestar, abastecemento de alimentos, de produción ordenada de enerxía, de produción de madeiras de calidade e de loita contra o cambio climático. Cómpre unha verdadeira perspectiva de ordenación e xestión multifuncional, que vaia máis alá de receitas simples e debates trucados.

En relación cos aproveitamentos forestais, cómpre incrementar a presenza de bosques maduros e arborado autóctono, tanto polos seus valores produtivos como paisaxísticos ou ecosistémicos. Resulta imprescindíbel controlar a expansión de especies de crecemento rápido e pirófitas e as grandes plantacións monoespecíficas, con todos os grandes riscos asociados. A protección do territorio e das persoas fronte á ameaza dos grandes incendios forestais é un desafío de país que hai que abordar con urxencia.

Unha das liñas de actuación debe ser a de recuperar solos e terras indebidamente forestadas, como espazos con valores naturais e de biodiversidade, ámbitos de protección de zonas húmidas, bacías fluviais ou terras agrarias forestadas. Nestas áreas é prioritario ir eliminando progresivamente a presenza do eucalipto, mediante acordos coa propiedade, compra de terreos ou outros instrumentos.

Cómpre aumentar a presenza de bosques maduros e arborado autóctono

Galiza é unha potencia en madeira cortada e aserrada, arredor do 50% do total no Estado, mais representamos só 13% da facturación e 13% do emprego. Algo falla! Boa parte da madeira galega vai para o exterior convertida en pasta de papel (sen pechar ciclos) e sen transformar aquí (sen valor engadido).

Por iso para o BNG serán prioridades a ordenación do territorio e dos aproveitamentos agroforestais, a mellora da xestión silvícola, a mellora xenética, o desenvolvemento das cadeas de valor da madeira co peche de ciclos, a produción de biomateriais, a química forestal, o fomento de árbores de froito ou o aproveitamento da biomasa como fonte de enerxía calorífica.

Todo isto acompañado de novos instrumentos de xestión do monte, de recoñecemento da propiedade comunal, de recuperación de terreos abandonados e dunha reforma fiscal que incentive a boa xestión silvícola.

"Vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos". A frase de Castelao ten plena vixencia para deseñar unha nova Galiza a partir do 18-F.


Mayra García Bermúdez, candidata número 3 do PSdeG por Lugo. Alcaldesa de Trabada (A Mariña) e deputada desde o ano 2015

O monte galego é moi diverso, con zonas de importante produción de eucalipto e outras onde predominan piñeiros, carballos e castiñeiros sen esquecer as fragas de bosque autóctono. En Galicia necesitamos unha ordenación forestal que permita a convivencia de todas as especies porque ningunha delas é mala en si mesma. Precisamos unha planificación do territorio que permita aproveitar todo o seu potencial, combinando de maneira axeitada os usos agrícolas, gandeiros e forestais, para que estes sectores sexan máis eficientes, máis rendibles e creen máis riqueza.

En Galicia o monte é un banco sen intereses, distribuído en pequenos propietarios, o que orixina unha riqueza moi repartida que mantén o noso territorio. Ademais, a explotación e a industria forestal son fonte de emprego de calidade. Temos que avanzar na transformación, para que o valor engadido da materia prima quede tamén aquí.

Dende unha aposta clara e decidida polo rural, que consideramos un espazo de oportunidades, os socialistas impulsaremos a creación de novas industrias forestais vinculadas á potencialidade do monte, especialmente as vinculadas ás segundas transformacións. Promoveremos tamén a innovación, a diversificación e a internacionalización de toda a cadea monte-industria.

Temos que avanzar en transformación para que o valor engadido quede aquí

Outro potencial do monte galego é a súa capacidade para combater o cambio climático e o despoboamento. O monte é un gran captador de gases de efecto invernadoiro. Tanto eucaliptos como piñeiros teñen o maior potencial para a captación de carbono. É preciso que as especies que máis contribúen se beneficien e sexan remuneradas. Non se trata de demonizar ningunha, senón de que poidan ser compatibles as zonas de eucalipto co mantemento de franxas de frondosas que fan de cortalumes. Polo que se refire ao despoboamento, debemos centrar esforzos para fixar poboación no rural, nestes intres xa chegamos tarde. Un rural habitado é un rural vivo.

En definitiva, a ordenación forestal e o apoio á súa industria son ferramentas clave para o crecemento económico e do emprego, para coidar o medio ambiente e para fixar poboación, pero tamén para previr e loitar con maiores garantías contra os incendios, para combater os problemas que ocasiona a fauna salvaxe e para preservar a biodiversidade e o noso patrimonio natural e cultural. Son ferramentas clave para o futuro do noso rural e do conxunto de Galicia.

Comentarios