A crise da Covid impulsa a demanda de emprego no sector galego das TIC

Case 35% das firmas do sector TIC galego aumentou a comercialización de produtos e servizos a pesar da crise derivada da Covid-19.
A pandemia fixo que se incrementaran as vendas de produtos de 'software' e servizos web para o teletraballo e a venda 'online' (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A pandemia fixo que se incrementaran as vendas de produtos de 'software' e servizos web para o teletraballo e a venda 'online' (Foto: Xunta da Galiza).

A crise derivada da pandemia de Covid-19 está a pasar factura a sectores como a hostalaría e o turismo. Porén, para outros representou unha oportunidade. Este é o caso das empresas do sector das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), que se viron beneficiadas polo cambio de paradigma en moitas empresas cara á dixitalización e o fomento do teletraballo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) vén de publicar, a través do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización, o informe "O impacto da pandemia provocada pola Covid-19 no sector TIC da Galiza", no que constata un incremento do emprego no sector no ano 2020, marcado pola pandemia, de 1,9% (359 máis), até situar o total de persoas empregadas no sector nas 19.343.

En canto ás áreas de actividade, o documento destaca unha evolución "moi desigual", sendo as empresas dedicadas ás actividades informáticas (+5,9%) e ás telecomunicacións (+1,8%) as que soportan o crecemento do sector fronte ao resto dos subsectores. Ambas as dúas concentran preto de 80% do emprego, con 12.100 e 3.300 persoas respectivamente traballando neles.

Aumento da demanda

Este aumento do emprego responde en boa medida á crecente demanda de servizos por parte de empresas e particulares. 

Nesta liña, o estudo sinala que 34,8% das empresas TIC galegas recoñece que as novas circunstancias e necesidades sociais para mellorar a seguridade no ámbito sanitario engrosaron a demanda dos seus produtos dixitais, aínda que ese crecemento se centrou sobre todo nas firmas de maior tamaño, apunta o informe do Observatorio.

En concreto, 11,4% das empresas do sector TIC galego afirma que se incrementou a demanda da maioría ou de todos os seus produtos, mentres que 23,4% declara que esta nova demanda afectou parcialmente á súa produción.

Os artigos máis demandados foron produtos de software e servizos web (+31%) e os equipos móbiles e de comunicación (+16%), en gran medida encamiñados a facilitar o teletraballo. A pandemia tamén mudou as canles de compra. De feito, a porcentaxe de empresas TIC que venderon os seus produtos ou servizos na rede en 2020 aumentou até 31,7%, o que supón sete puntos máis que no ano anterior. 

Ademais, tres de cada catro empresas TIC tamén realizaron compras de bens ou servizos a través de internet o pasado exercicio.

Teletraballo

A pandemia obrigou as empresas TIC a modificar as relacións con provedores e clientela. Así, oito de cada dez empresas do sector evitaron realizar reunións presenciais en 2020; un 38,2% fixo un uso máis intensivo de ferramentas en liña, e 22,5% empregou novas ferramentas dixitais no ámbito do comercio electrónico.

Por último, ademais de facilitar o teletraballo a terceiras empresas, as propias compañías do sector aumentaron esta modalidade. O pasado ano, 63,4% das empresas tiña persoal teletraballando, 91% máis que en 2019.

Aumenta a fenda de xénero

Porén, unha das consecuencias máis negativas da pandemia foi o aumento da fenda de xénero nun sector xa de por si masculinizado.

Segundo destaca o informe de Amtega, 69,6% das persoas que traballaban no sector a finais de 2020 eran homes fronte a 30,4% de mulleres.

Lonxe de acurtarse, a fenda de xénero aumentou lixeiramente o pasado ano, xa que o crecemento do emprego no sector concentrouse no xénero masculino, con 374 novos empregos para homes, mentres que o traballo feminino experimenta "un estancamento", destaca o documento.

Se a finais de 2019 os homes ocupaban 13.085 empregos en empresas TIC galegas por 5.899 das mulleres, a feche de 2020 a fenda aumentou, con 13.459 varóns ocupados no sector por 5.884 mulleres. 

Comentarios