Denúnciao a Fruga

A Consellaría de Medio Ambiente aínda non pagou os danos do xabarín do ano 2020

A Federación Rural Galega, Fruga, denuncia que a Consellaría de Medio Ambiente non pagou os danos provocados polo xabarín correspondentes ao 2020. As destinatarias son as explotacións agro-gandeiras.

A Xunta xustifica as excepcións ás restricións para os cazadores no aumento da poboación de especies como o xabarín. (Foto: Nós Diario)

A Fruga denunciou na mañá da sexta feira a demora no pagamento das axudas anunciadas pola Xunta da Galiza destinadas ás explotacións agro-gandeiras que sufriron danos de xabaríns.

O sindicato pon de manifesto os prexuízos que a situación está provocando "nas economía e funcionamento das explotacións agrarias".

"Son moitos os labregos e labregas que nos están transmitindo esta situación e por eso, proximamente imos realizar un escrito dirixido a Consellaría de Medio Ambiente para que cumpra cos compromisos adquiridos", informa a Fruga nun comunicado.

Danos nos viñedos polos corzos

Por outra parte a Asociación Galega de Viticultura, integrada na Fruga, advirte do acrecentamento de danos provocados polos corzos nas zonas de viñedo situados en zonas con Denominación de Orixe e de Indicacións Xeográficas Protexidas durante os meses de abril e de maio.

Unha situación que leva o sindicato a solicitarlle á Xunta da Galiza que amplíe as axudas polos danos causados.

"Ultimamente veñen sendo numerosas as queixas de viticultores e viticultoras polos danos causados nas súas viñas como consecuencia da presenza de corzos nos seus cultivos. Neste sentido estasse observando como os danos desta especie están aumentando de xeito exponencial nos viñedos", indica a asociación.

Os prexuízos, sinala, teñen unha maior incidencia en marzo, abril e maio "por ser os meses nos que se produce a floración e brotación, proceso coñecido como a esfarna das vides, polo que os follatos das vides están mais tenros e resultan máis apetecíbeis ao corzo, ocasionando deste xeito grandes perdas na produción de uva".

Comentarios