A Xunta reduce a crise do marisco á falta de berberecho
A situación do sector marisqueiro e, moi particularmente, do da ría de Arousa, volveu marcar o debate da Comisión de Pesca do Parlamento da Galiza na xornada desta terza feira. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellaría do Mar, Marta Villaverde, que acudiu á Cámara para responder á oposición, sinalou que a crise do marisqueo nas comarcas do Barbanza e do Salnés circunscríbese, esencialmente, ao berberecho e ten un carácter conxuntural. Na mesma dirección, puxo en valor a xestión do Goberno galego en apoio da actividade marisqueira.
Porén, os datos ofrecidos pola Xunta desmenten o panorama trazado por Villaverde. Nesta liña, a propia Plataforma Tecnolóxica da Pesca do Goberno galego sinala que entre 2018 e 2023 a produción de conxunto do marisqueo caeu no 52%, diminuíndo só en 2023 as capturas do berberecho en 75% e caendo os ingresos totais do complexo en perto de 18 millóns de euros. Na mesma orientación, a produción de mexillón marcou o seu mínimo histórico dos últimos 30 anos en 2023, representando unha caída do 23% en relación co ano anterior.
As forzas da oposición denunciaron esta terza feira a "falta de compromiso" do Goberno galego co complexo marisqueiro. Neste sentido, a deputada do BNG Montse Prado arrancou a súa intervención destacando a importancia da ría de Arousa na economía dos concellos das comarcas do Barbanza e O Salnés. Tras lembrar que conta con 2.319 bateas de mexillón, "que representan 70% da Galiza”, e que ocupa a “1.558 mariscadoras a pé”, denunciou que “as agresións á mesma seguen sendo múltiples”, sinalando, entre elas, “os encoros de Portodemouros e Caldas, a mina de Touro” ou, durante o verán, a “aparición dunha gran cantidade de pequenas pezas de plástico identificadas como biosoportes”.
Prado alertou de que “as verteduras contaminantes poñen sistematicamente en risco a riqueza medioambiental, de produción pesqueira e marisqueira e de calidade das augas, ademais de suporen un constante risco para a saúde das persoas”. Na mesma dirección, ligou a esta situación á “gran mortaldade” de marisco que “fixo saltar de novo a preocupación entre o sector do mar".
Tamén o deputado do PSdeG Julio Abalde cargou contra actuación do Goberno galego na ría de Arousa. Así, asegurou que “é un feito obvio e perfectamente coñecido que a produción marisqueira da ría de Arousa, a mellor do mundo neste aspecto, vén amosando un descenso demoledor na última década e que se acentuou nos últimos anos”. Na mesma liña, indicou que “varios colectivos dependentes da actividade marisqueira alertaron dunha baixada xeral en todas as especies que pode superar o 70% nalgunhas delas, como a ameixa ou o berberecho”.
Abalde afeou ao Executivo a “falta de concreción” nas súas propias propostas e asegurou que “a Xunta leva 15 anos tentando resolver un problema que cada ano empeora”.

