Axudas para a compravenda de vivendas: a quen están destinadas e como solicitalas?

A Xunta convoca a liña de subvencións para axudar á mocidade a adquirir unha vivenda para uso habitual.
A vivenda debe estar emprazada en concellos de menos de 10.000 habitantes. (Foto: Europa Press)
photo_camera A vivenda debe estar emprazada en concellos de menos de 10.000 habitantes. (Foto: Europa Press)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de publicar a resolución pola que se convocan as axudas directas dirixidas a apoiar os mozos e mozas para adquirir a súa vivenda habitual en poboacións que non superen os 10.000 habitantes, cunha partida de 1,55 millóns de euros.

Os incentivos previstos poden chegar até un máximo de 10.800 euros por inmóbel, sempre que esta contía non supere 20% do prezo total da operación de compra.

Este programa está dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, que deben acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), isto é, 24.318,84 euros.

Nesta liña, os inmóbeis, que deben estar localizados nalgún dos 257 municipios cunha poboación inferior a 10.000 habitantes, teñen que estar xa construídos —novos ou de segunda man— e o prezo de adquisición non pode superar os 120.000 euros.

Aliás, é preciso ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición da devandita vivenda.

Nas bases da convocatoria prevese a posibilidade de que as persoas que solicitasen a axuda o ano pasado e non a recibiron, ao esgotarse os fondos, poidan acollerse a esta convocatoria presentando unha nova solicitude.

Comentarios