A compravenda de vivendas caeu case 14% en decembro mentres subiron 4% os prezos

O mercado inmobiliario sufriu un "acusado arrefriado" en 2022, afirma o Colexio Notarial da Galiza.
Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)
photo_camera Panorámica da cidade da Coruña. (Foto: Arxina)

A compravenda de vivenda fechou 2022 en números vermellos en todos os territorios do Estado español, cunha caída media das operacións de 17,8% en decembro, en comparanza co mesmo mes do ano anterior. Na Galiza o descenso foi de 13,8%. O que si subiu neste período foi o prezo medio por metro cadrado, que no país repuntou 4,1%, mentres a nivel estatal ficou moi perto de 0%.

Son datos que presenta esta terza feira o Colexio Notarial da Galiza, con base na información achegada polo Centro de Información Estatística do Notariado (CIEN). De acordo cos mesmos, os rexistros mostran un "acusado arrefriado" do mercado inmobiliario en 2022 a respecto de 2021, con incrementos no primeiro trimestre do ano que "diluíron ou reverteron" a tendencia alcista do último trimestre.

En relación ao conxunto de 2022, o número de compravendas en todo o Estado aumentou en 6,1% anual, até alcanzar as 719.680 unidades, a maior cifra en 15 anos. Algo semellante sucedeu na Galiza, cun crecemento anual de 3,3% e 25.985 operacións que marcan unha cifra récord desde 2011.

Con todo, se no Estado as compravendas pasaron de medrar un 22,8% interanual no primeiro trimestre de 2022 a descender un 10,6% no cuarto, na Galiza os elevados crecementos de principios de ano contrastan tamén coas taxas negativas dos últimos meses, fechadas co citado 13,8% de decembro.

Soben os prezos

En 2022 o prezo medio do metro cadrado aumentou no conxunto do Estado un 7,2% anual. "A recuperación da actividade e dos prezos inmobiliarios seguiu sendo dinámica en 2022, malia que menor que en 2021, ano que se viu favorecido, comparativamente, polo anómalo exercicio de 2020 debido ao impacto da crise sanitaria e económica da Covid-19", trasladan desde o Colexio Notarial.

Se en 2022 os prezos medios por metro cadrado creceron a taxas de 11% no primeiro cuarto do ano, moderáronse até 3,5% no último cuarto, situándose incluso moi perto de 0% en decembro pasado. No que respecta á Galiza, pola contra, se no cómputo anual os prezos do metro cadrado medraron 2%, no último mes aumentaron "lixeiramente" até 4,1% respecto ao mesmo mes de 2021.

Diminúen os préstamos hipotecarios

O comportamento do mercado nos últimos meses de 2022 afecta tamén á formalización dos préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda. Se estes creceron no conxunto das comunidades autónomas 2,8% en 2022 —2,4% na Galiza—, en decembro pasado as hipotecas decreceron en todas as autonomías, cunha caída superior á media na Galiza (23,5%).

Os datos do CIEN tamén revelan en 2022 un descenso de 2% anual no número de sociedades constituídas no conxunto do Estado, 5,8% no caso da Galiza. O ano pasado, a constitución de empresas só medrou en Canarias e Baleares.

Aínda que en decembro houbo un cambio de tendencia en dez comunidades autónomas, con aumentos na constitución de sociedades que elevaron a media estatal en 2,1% a respecto de decembro de 2021, a Galiza volveu ter unha nova caída de 5,5% interanual.

Comentarios