O sector lácteo acende todas as alarmas (agás as da Xunta)

Leite
photo_camera [Imaxe SG]

Unha baixada de até 7 céntimos do prezo en orixe, o cobro da super-taxa e ameazas por parte da industria ás explotacións sitúan o sector nunha encrucillada.

No que está a ser o último ano antes da fin das cotas lácteas, o sector do leite en Galiza volve estar, como de costume, ás portas dunha crise. As cousas non van ben para as explotacións gandeiras que, embora incrementaren a produción, ven como ao longo da campaña os prezos en orixe non deixan de caer. E están a facelo de maneira continuada desde a primavera situando, máis unha vez, o país entre os peor pagados da Unión Europea. 

Segundo un informe publicado pola Comisión Europea, en xullo deste ano Galiza percibía en orixe 0,32 céntimos/litro. O prezo máis baixo xunto cos países do Leste (Lituania, Letonia, Romanía, Polonia, Estonia e Hungría). Nesta situación a marxe de benficio para @s gandeir@s é practicamente cero. Mais a cousa non fica aí. As elevadas cifras de produción --que superan en moitos casos os límites fixados pola cota-- están a evidenciar o xogo suxo da industria e, aliás, ameazan co cobro de sancións ás explotacións. 

En xullo deste ano Galiza percibía en orixe 0,32 céntimos/litro, o prezo máis baixo xunto cos países do Leste 

A super-taxa

As multas por sobre-produción pairan no sector. E é que segundo as previsións publicadas polo Ministerio de Agricultura Galiza producirá este ano 300 millóns de kg. máis do permitido. De se cumpriren as predicións, isto suporía o cobro dunha multa que ascende a 27,83 céntimos por kilo excedido, e atinxiría a perto do 60% das explotacións leiteiras. Segundo o Ministerio o noso país tería que facer fronte ao pagamento de 37 millóns de euros --nalgúns casos até 4 mil euros por granxa. Un custe dificilmente asumíbel co actual prezo do leite en orixe, en caída desde abril. 

Desde as organizacións agrarias tildan este panorama como un "absoluto despropósito" no marco da última campaña con cotas. Porén, desde o goberno galego continúan dando a calada por resposta e até o momento non se produciu ningunha reacción por parte da Consellaría de Medio Rural. 

Galiza producirá este ano 300 millóns de kg. máis do permitido, isto suporía o cobro dunha multa que ascende a 27,83 céntimos por kilo excedido e atinxiría a perto do 60% das explotacións

Pola súa banda, @s gandeir@s comezan a adoptar decisións para se adaptaren á máis que probábel supre-taxa. Neste senso, algunhas explotacións venderon parte das súas vacas no último mes para reducir a súa produción. Segundo os dados fornecidos polo goberno español, teríanse vendido 1.500 cabezas de gando, mentres outras granzas optan por introducir mudanzas no manexo e a alimentación dos animais á fin de reducir os litros. Menos ración de penso ou mesmo adiantar o secado ao cuarto ou quinto mes de xestación para limitar a produción. 

De maneira simultánea, algunhas explotacións están a mercar cota a particulares que non ultra-pasan os litros de leite. Este feito, no entanto, está a favorecer a especulación até disparar os prezos dos alugueres de cota por riba dos 6 céntimos por kilo. Porén, non só algúns gandeiros están a sacar tallada da situación. A industria tamén viu no excedente de produción unha oportunidade para reducir os prezos e mesmo ameazar as explotacións. 

A industria xoga suxo

Este é o caso de Leite Río. A coñecida empresa láctea xerida polo lugués Jesús Lence enviou unha carta a boa parte das explotacións gandeiras ás que recolle o leite para lles anunciar que deixaría de facelo a partir do 1 de outubro de 2014 se a 'calidade' do produto non melloraba. Para isto, argüíu que o índice de lactosa superaba os límites marcados legalmente polo que o produto estaba adulterado. Porén, as analíticas practicadas foron desenvolvidas pola propia empresa e non por grupos independentes. 

“As industrias lácteas queren redeseñar o sector á súa medida sen contar con ninguén e co beneplácito das administracións”

“As industrias lácteas queren redeseñar o sector á súa medida sen contar con ninguén e co beneplácito das administracións”, denuncian desde a Federación Rural Galega (Fruga). Para a organización agraria a baixada “unilateral” dos prezos por parte da industria e as ameazas recibidas pol@s gandeir@s reflicten que no sector está a rexer “a lei da selva”.

Desde as organizacións agrarias amósanse cert@s de que a Xunta de Galiza –através da Consellaría de Medio Rural e do Mar­­- está a actuar como “autora” ou “cómplice” da situación que atinxe o sector lácteo, pois, din, “os feitos indican que a consellaría dá por mortas a Mesa do leite e a Interprofesional láctea”, órganos que tiñan por obxecto servir de canles de interlocución e toma de acordos entre os distintos axentes de modo a regular o sector. Mais estes espazos non se reúnen desde hai meses.

Comentarios