A Comisión Europea propón a alta velocidade Vigo-Porto no Corredor Atlántico

Dous trens AVE nunha estación. (Foto: Europa Press)

A Xunta rematará e enviara ao Goberno español un plan de acción para actuacións loxísticas nos primeiros meses de 2022. As novas conexións entre ambas cidades deberían finalizarse para 2040.

O tramo de alta velocidade Vigo-Porto conta co apoio da Comisión Europea que acaba de presentar a súa proposta de novo regulamento da rede transeuropea de transporte. Nela figura ese traxecto, segundo explicou esta cuarta feira o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

A suxestión deste organismo deberá ser referendada agora polo Consello Europeo e polo Parlamento Europeo e este tramo inclúese "como parte do corredor de rede central ampliada" no marco do Corredor Atlántico.

Maestro sinalou, na comisión de Ordenación Territorial, que a pasada terza feira se produciu esta "moi boa noticia" para Galiza, un "empurrón' moi importante" para as comunicacións entre Galiza e Portugal.

Desta maneira, a Comisión Europea busca adiantar a finalización das principais partes da rede antes do prazo de 2050, de forma que para 2040 deberán completarse novas conexións ferroviarias de alta velocidade entre Vigo e Porto.

O director xeral de Mobilidade informou de que está previsto que entre xaneiro e febreiro estea listo o plan de acción de infraestruturas loxísticas para os próximos anos na Galiza, após diversas achegas do sector e entidades como os portos, que será remitido ao Goberno español.

Reducir os tempos do transporte de mercadorías

O plan de acción enmárcase na Estratexia Loxística da Galiza 2020-2028, que está a elaborar a Consellaría de Infraestruturas coa intención de reducir tempos de transportes de mercadorías cun fomento do ferrocarril  que na actualidade só move un 3% do total.

Na avaliación de "puntos críticos" na rede e accións de mellora necesarias márcase como estratéxicos os proxectos da saída sur de Vigo e o da conexión de tren a Langosteira, no porto da Coruña.

Todo iso coa intención de aproveitar tamén a oportunidade que supón a incorporación da liña ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo-A Coruña ao trazado do Corredor Atlántico.