Exixen ao Goberno estatal un plan de investimentos para o AVE a Porto

Suspende os procesos sobre o índice hipotecario
A conselleira de Infraestruturas reuniuse en Melgaço coa ministra de Coesão Territorial de Portugal. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A conselleira de Infraestruturas reuniuse en Melgaço coa ministra de Coesão Territorial de Portugal. (Foto: Xunta da Galiza)

A conectividade de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto é un dos proxectos en materia de transporte que máis interesan a Galiza e Portugal. Tanto é así que o Estado luso mesmo chegou a dicir a Madrid que lle interesa máis conectar co seu veciño do norte que coa capital do Estado español.

Pese a este interese, desde o Goberno estatal non se deron pasos neste sentido. Por este motivo a Xunta volveu reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez que concrete un plan de investimentos para o trazado de alta velocidade ferroviaria que conecte Vigo coa cidade lusa do Porto, unha infraestrutura "estratéxica" para a competitividade da eurorrexión e que é "unha prioridade conxunta" de ambos os territorios.

Así o manifestou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na reunión de traballo que mantivo onte na localidade portuguesa de Melgaço, coa ministra de Coesão Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, e na que tamén participaron, entre outros, a secretaria de Estado da Valorização do Interior, Isabel Ferreira; o secretario de Estado de  Infraestruturas de Portugal, Jorge Moreno; o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Rexional  do Norte (CCDR-N), António  Cunha; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, e varios rexedores municipais transfronteirizos.

Tras a reunión, a conselleira subliñou que hai que sumar esforzos e "avanzar en proxectos de interese común" entre ambos os "territorios amigos" e, nese ámbito, destacou a necesidade de impulsar unha infraestrutura estratéxica, como a liña de Alta Velocidade que conecte Vigo e o Eixo Atlántico con Porto e Lisboa.

Fondos europeos

A ese respecto, a conselleira subliñou que os fondos europeos para a recuperación económica poden ser unha "oportunidade" para "apontoar" as potencialidades da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, e reclamou ao Goberno español que, do mesmo modo que fixo o Executivo luso, presente un plan concreto con investimentos e prazos para esa conexión ferroviaria. "Hai que compasar os prazos de España cos de Portugal", recalcou.

A este respecto, Vázquez exixiu un compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa saída sur desde Vigo, unha infraestrutura imprescindíbel para continuar o trazado até a fronteira con Portugal, e lembrou que a posta en marcha desa liña suporía recurtar 57% o tempo da viaxe entre a cidade olívica e Porto.

Proxectos en común

Por outra banda, a conselleira tamén lembrou que o Executivo galego xa está a traballar, en cooperación co Goberno luso, na mellora de infraestruturas viarias, como a rehabilitación da ponte de Salvaterra a Monção, que incluirá unha ciclovía e que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros. Na actualidade, apuntou, estase a tramitar o correspondente convenio.

Na mesma liña, Ethel Vázquez avanzou que a súa Consellaría está a redactar tamén o proxecto para a mellora da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e a fronteira portuguesa, que contará cun investimento de 9 millóns de euros. Así mesmo, o seu departamento abordará o acondicionamento da estrada OU-533, entre A Gudiña e A Rúa, para "aproveitar sinerxías", dado que A Gudiña contará cunha estación de AVE.

Comentarios