A Comisión Europea defende o veto á pesca entre o malestar da frota galega

A comisión de Pesca da Eurocámara debateu esta segunda feira o veto á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Norte, nunha xornada na que o sector amosou o seu malestar e preocupación polas consecuencias da súa entrada en vigor o pasado domingo.
O director xeral adxunto de Mar na UE, Sadauskas Kestukis. González Casares (PSdeG), Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG). [Fotos: Parlamento Europeo]
photo_camera O director xeral adxunto de Mar na UE, Sadauskas Kestukis. González Casares (PSdeG), Millán Mon (PP) e Ana Miranda (BNG). [Fotos: Parlamento Europeo]

"A Comisión Europea executou o que decidiu o Parlamento xunto co Consello [Europeo] como lexisladores no seu día". Así defendeu esta segunda feira a prohibición da pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico Norte Sadauskas Kestukis na comisión de Pesca da Eurocámara. O director xeral adxunto de Mar [que substituíu na reunión ao comisario de Medio Ambiente e Pesca da Unión Europea, Virginijus Sinkevicius, por indisposición] defendeu que o veto á frota se estabeleceu "en base á mellor información".

"A normativa será revisada cos datos científicos que se coñezan o 16 de decembro", con todo, "non levará automaticamente" a unha nova decisión, senón a un proceso que non remataría até a primavera, resaltou.

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, dixo que lle "preocupa que na rúa a xente fale mal de Europa, e non e culpa deles, é das decisións que está tomando nalgúns casos a Comisión Europea contra as comunidades pesqueiras". González Casares defendeu a necesidade da pesca nun contexto "no que está aumentando a importación de peixe de fóra". Ademais, o socialista denunciou que "nunca no pasado unha medida supuxo unha ameaza tan grande para o sector pesqueiro".

O deputado popular, Francisco José Millán Mon, afirmou que "malia ás reiteradas peticións de que se suspendese a aplicación o acto entrou en vigor". Millán Mon referiuse ás persoas do sector que se manifestaron o pasado sábado como "as máis ecoloxistas", xa que "son as primeiras interesadas en que o mar siga sendo sostíbel e produtivo".

O representante popular denunciou, así mesmo, o emprego de "brocha gorda e non pincel fino" na execución do regulamento, pois fai "unha lectura indiscriminada" sen destinguir entre as diferentes artes.

"Un golpe da burocracia e da ignorancia", así é como cualificou a execución do regulamento a deputada do BNG, Ana Miranda. "A decisión afecta 80% da pesca galega de palangre e eu pregúntome se a Comisión  sabe o que é un palangre", continuou a nacionalista, afeando a súa prohibición "como se fose o mesmo que o arrastre". "Hai moita incerteza no sector pesqueiro galego", dixo Miranda, para despois preguntar "que informes de impacto económico existen" e exixir "que se me fagan chegar se é que existen".

A deputada do BNG tamén requiriu coñecer que información se enviou desde o Estado español "sobre as posíbeis consecuencias da aplicación deste regulamento". "Unha vez máis preténdese arruinar a pesca galega, que xa vén sufrindo ataques unha e outra vez na Unión Europea (UE)", concluíu Miranda, que resaltou que "a Galiza é a zona máis afectada".

Malestar no sector

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que o sector "non o está pasando ben" polo veto, e lamentou que os barcos teñen que "buscar outras zonas onde pescar". "A rendibilidade é moi baixa", laiouse, "levantan os aparellos e non hai nada", engadiu.

Na mesma liña, o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, trasladou o "malestar" e a "indignación" do sector, "que non entende que a comisión tomara esta medida".

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López, indicou que non se rexistraron incidentes entre barcos no primeiro día do veto, aínda que moitos están a esperar a que uns acaben de pescar en certas zonas para acudir. Tamén relatou que varios buques víronse obrigados a non saír e permaneceron amarrados.

Aliás, representantes do sector reuníronse esta segunda feira en Compostela coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun encontro do que tamén participaron o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e a responsábel de Pesca desta forza política, Rosana Pérez.

Despois da reunión, o presidente da federación estatal de confrarías, Basilio Otero, advertiu que varios barcos non largaron as redes debido á falta de información precisa sobre onde e como poden facelo.

Pontón chamou a "redobrar" a presión "política, social e institucional" contra a decisión, ao tempo que pediu medidas de apoio ao emprego e evitar o despezamento de buques.

Comentarios