Transportistas rexeitan as peaxes nas autovías: "Restarían competitividade á Galiza"

"Non é unha boa noticia. Buscan fórmulas para recadar e xa están a dar por feito que a xente vai asumir a súa implantación", lamenta José Fernández, vicepresidente da asociación de transportistas lugueses Tradime.
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9. (Foto: Arxina)

Os transportistas de Tradime, en Lugo, rexeitan a posibilidade de incorporar peaxes ás vías de alta capacidade e advertiron de que, se finalmente o Goberno estatal opta por cobrar polo seu uso, isto "restaría competitividade á Galiza". Unhas declaracións que se producen logo que a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, reiterase esta semana que hai que valorar un sistema de mantemento das estradas e, singularmente, das vías de alta capacidade como son as autovías.

O vicepresidente de Tradime, José Fernández, puxo de relevo esta cuarta feira que no sector "sempre" se opuxeron "a este tipo de novo imposto". "E se se nos aplica como sector afectaríanos moi negativamente", engadiu, ao tempo que engadiu que, no caso de "ter que aceptalo", o que farían sería "trasladalo [os seus custos], como ocorre co gasoil, aos cargadores".

Fernández deixou caer que "isto sería engadir un custo máis aos produtos" que transportan, e isto, alertou, "orixinaría na Galiza que se reste competitividade". "Non é unha boa noticia. Buscan fórmulas para recadar e xa están a dar por feito que a xente vai asumir a súa implantación", manifestou.

O empresario do transporte puxo o foco en que, aliás, en Lugo "apenas" se dispón destas vías, pondo o exemplo da A-6, "que nin sequera conta cun proxecto de reconstrución cuns prazos determinados ou fixos". "Parécennos peaxes [se se implantasen] por algo que non podemos utilizar", criticou.

José Fernández tamén se referiu á A-8, que xunto á A-6 son as dúas autovías que atravesan o territorio lugués, polos problemas no Alto do Fiouco. "Vai ter que ocorrer outro accidente para que se implante un sistema" para cruzar sen problemas por ese lugar, lamentou.

Finalmente, volveu insistir en que "a peaxe para a Galiza e para Lugo non é positiva, sobre todo, tendo en conta o custo do que se fala, de dez céntimos para turismos por quilómetro de autovía e vinte céntimos para os camións".

Unha nova polémica para o sector, o posíbel pagamento polo uso de autovías, que se suma ás críticas ao desvío de Pedrafita do Cebreiro, pola caída da ponte na A-6, que en caso de neve obrigaría os camións a botar man da estrada N-120 para esquivar Pedrafita.

Comentarios