Colectivos protestan ante os xulgados de Noia, onde comparece o representante da concesionaria da mina de San Finx

Tungsten San Finx, S.L. compareceu na mañá desta segunda feira ante os xulgados de Noia.
Protesta contra as verteduras da mina de San Finx ante os xulgados de Noia (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta contra as verteduras da mina de San Finx ante os xulgados de Noia (Foto: Nós Diario).

Esperábase que o representante de Tungsten San Finx, S.L., Miguel Cabal Lorenzo, comparecese na mañá desta segunda feira ante os xulgados de Noia, mais ao final acudiu unha avogada cun poder da compañía. Aínda así, esta circunstancia foi aproveitada polos colectivos ecoloxistas e do mar para demandar solucións ás portas da sede da Xustiza.

Desta maneira, a avogada da concesionaria da mina de San Finx, en Lousame, comarca de Noia, comparece ao estar esta compañía investigada por presuntos delitos contra os recursos naturais e o ambiente, “logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina está inxectando no medio natural”.

Así se informou desde a Plataforma Comarcal contra as Verteduras da Mina, da que forman parte confrarías, asociacións, entidades ecoloxistas e forzas políticas. O colectivo denuncia a “nociva contaminación” que testemuñan “os contundentes informes achegados tanto polo Seprona, como pola acusación popular ambiental exercida polas confrarías de Noia e Portosín [Porto do Son, comarca de Noia] e organizacións ecoloxistas”.

Desde a plataforma explican que “nas últimas analíticas, do pasado mes de outubro, os niveis de cadmio augas abaixo do punto de vertedura superaban 100 veces os niveis máximos permitidos pola lexislación”. Así, argumentan a súa protesta “ante a negativa da empresa mineira e da Xunta da Galiza a adoptar as medidas necesarias para evitar as verteduras que veñen propoñendo os colectivos”.

Asegurar que a empresa “non se dea á fuga”

Desde os colectivos demandan medidas para que a empresa non “se dea á fuga, como fixeron anteriormente Sacyr en 2021 e a australiana Pivotal Metals o pasado verán”. Por iso, ademais de reclamar a Augas da Galiza que impoña o cobro do canon de control de verteduras, que cifran en 30 millóns de euros, solicitaron ante o propio Xulgado de Noia que se adopten medidas cautelares obrigando á empresa a iniciar actuación urxente para a reinundación e selado da mina.

Neste sentido, desde a Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx advirten que é necesario protexer de modo efectivo a ría fronte á contaminación por metais pesados, que se suma a outros problemas recorrentes como “as deficiencias no saneamento ou a mala xestión da central hidroeléctrica do Tambre”.

Comentarios