CIG califica os datos da EPA de "demoledores" e alerta do medre da exclusión social

O sindicato sinala que o medre do paro mostra os efectos das medidas do goberno, nomeadamente a reforma laboral

"Demoledores". Así de contundente se mostra o secretario confederal de Emprego da CIG, Antonio López Rivera, á hora de valorar os datos da EPA do II semestre do ano, que recollen que na Galiza hai unha taxa de paro por riba do 21%. Alerta do alarmante medre da precariedade laboral e das graves consecuencias que están a ter as medidas adoptadas polo goberno, nomeadamente a reforma laboral. “Non favoreceu a creación de emprego, todo o contrario, deu facilidades ao empresariado para que este expulse do mercado laboral ás persoas que tiñan unhas condicións máis estábeis e dignas”.

Para o secretario confederal de emprego, tamén é especialmente grave que neste II Trimestre o número de fogares con todos os membros desocupados se incrementara en 2.700, pasando dos 24.900 do primeiro trimestre a, nin máis nin menos que 27.600. “Co endurecemento das condicións para acceder ás prestacións por desemprego e ás prestacións non contributivas, estase destinando á exclusión social, directamente, ás persoas desempregadas e ás súas familias”.

Comentarios