O 41,8% dos fogares da Galiza teñen nas prestacións a súa principal fontes de ingresos. Unha porcentaxe levemente superior á de fogares nesa situación hai unha década, 2010 ( 41,6%) mais que se traduce en que en 2019 (último ano computado polo Instituto galego de estatística, antes da pandemia) había case 447.000 fogares na Galiza na que a súa vía de ingresos máis importante derivaba das prestacións (xubilación, desemprego, incapacidade,...). Perto de 10.000 fogares máis que en 2010.
Os fogares onde a principal vía de ingresos é o traballo é de 56%. Algo menos de 2% están na categoría de ‘outro tipo’ (onde entran, por exemplo, a percepción de rendas).
Os dados do IGE sitúan por riba de 440.000 os fogares da Galiza onde eses ingresos por prestacións supoñen máis de 50% da economía familiar.
Se elevamos a porcentaxe de importancia das prestacións na fonte de ingresos a 75% do total, nesta situación están máis de 350.000 fogares.
E coas prestacións como única fonte de ingresos hai no noso país 305.566 fogares, case tres de cada dez.
No que respecta aos rendementos do traballo, eses son a única vía de ingresos en 31% dos fogares da Galiza. En 55,8% esta vía é a principal, mais non a única.
Segundo o IGE, a fenda entre os fogares con vía principal de ingresos nos rendementos do traballo e os de prestacións non é pequena. Así, no primeiro caso a media mensual de ingresos está nos 2.500 euros, mentres que na segunda (as prestacións), sitúase en mil euros menos.