Cataláns e galegos, quen menos marcan a casa da Igrexa

A institución católica recadou no último exercicio fiscal 13,1 millóns de euros das declaracións da renda das galegas e galegos.
Rolda de prensa de representantes da Conferencia Episcopal, hoxe. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa de representantes da Conferencia Episcopal, hoxe. (Foto: Europa Press)

A Igrexa recadou 13,1 millóns de euros do 0,7% do IRPF correspondente ao exercicio fiscal de 2022 na Galiza, o que se traduce en 1,7 millóns máis que o ano anterior (+14,8%), segundo os datos provisionais publicados esta quinta feira pola Conferencia Episcopal Española (CEE). Esta cifra é o resultado de 340.931 declaracións nas que se marcou a casa en favor da institución católica, 10.589 máis que no ano 2021.

Son, porén, unicamente 23,96% das declaracións da renda totais. Ou o que é o mesmo: só un de cada catro galegos e galegas contribúe economicamente a financiar a Igrexa a través do IRPF. Só a cidadanía catalá é menos proclive a marcar esta casa: 15,9% de todas as declaracións o pasado ano fiscal. E o mesmo acontecera en 2021: Catalunya e Galiza, por esta orde, as que menos contribuíron á Igrexa.

No Estado español, os relixiosos recadaron un total de 358,8 millóns de euros na última campaña da Renda, alcanzando un novo récord. Isto supón un 11,9% máis —38 millóns de euros máis— que na campaña anterior, cando foran 320,7 millóns de euros. "En momentos de tanta confrontación política e polarización, poucas cousas poñen máis de acordo aos españois que a casa da Igrexa na Declaración da Renda", afirmou o director do Secretariado para o Sostemento da Igrexa, José María Albalad, á vez que valorou os datos da 'X' como "moi bos para a Igrexa e extraordinarios para a sociedade".

Así mesmo, aumentou o número de persoas que marcan a casa da Igrexa na Declaración da Renda. Así, rexistráronse 7,6 millóns de declaracións a favor da institución católica, 209.218 máis que na campaña anterior. Esta cifra ascende até os 8,7 millóns se se teñen en conta as declaracións conxuntas, alcanzando así unha "cifra récord" de asinantes, segundo a CEE.

Porén, diminuíu, dun 31,39% a un 30,99%, a porcentaxe a nivel estatal de declaracións con asignación á Igrexa, algo que o vicesecretario de Asuntos Económicos da CEE, Fernando Giménez Barriocanal, achacou ao "aumento en máis de cinco décimas dos declarantes que deixaron a casa en branco". Por comunidades autónomas, o número total de declaracións a favor da Igrexa aumentou en todas excepto nunha, Nafarroa, algo que Barriocanal achacou ao feito de que "nas Facendas Forais non funciona exactamente igual a interlocución e provoca algunhas desintonías".

En número de declaracións a favor destacan especialmente Andalucía (1,6 millóns de declaracións), Madrid (1,4 millóns) e País Valencià (759.133). En relación co importe asignado, produciuse un incremento da cantidade recadada en todas as comunidades autónomas. En termos absolutos, os maiores aumentos en euros asignados prodúcense en Madrid (104,2 millóns de euros), Andalucía (52,4 millóns) e Catalunya (40,4 millóns). Ademais, dez comunidades sitúanse por riba da media en porcentaxe de asignantes, salientando Castela-A Mancha (43,9%), A Rioxa (43,3%), Estremadura (43,5%), Murcia (42,6%) e Castela e León (41,4%).

800.000 euros proceden da mocidade

Segundo estes datos provisionais, na Declaración da Renda de 2023 destaca o aumento na asignación nos tramos de 50 a 59 anos e de 60 a 69 anos. Ademais, Albalad puxo de relevo o incremento no tramo dos máis novos, de 20 a 29 anos, con 11.000 declarantes máis que marcaron a 'X' da Igrexa e "cun aumento en termos absolutos en case 800.000 euros que proceden de mozos de entre 20 e 29 anos".

En canto ao tipo de declaración, individual ou conxunta, mantívose a tendencia do incremento de asignacións en tributación conxunta polo que, por primeira desde que se recollen estes datos, a porcentaxe das conxuntas (32,5%) supera ao das declaracións individuais (31,46%). O Fondo Común Interdiocesano é o instrumento que canaliza a distribución da asignación tributaria ás dioceses españolas e outras realidades eclesiais.

Comentarios