A Caixa Rural crea unha fundación centrada no sector agroalimentario

A fundación Caixa Rural Galega, que tamén leva o nome do ex alcalde de Lugo Tomás Notario Vacas, centrarase na promoción da investigación e a educación en sectores como o agroalimentario e o forestal. 
Fundación Caixa Rural
photo_camera Representantes da Fundación Caixa Rural. (Foto: Caixa Rural Galega)

O ex alcalde de Lugo Tomás Notario Vacas e o presidente da Caixa Rural Galega, Manuel Varela, presentaron esta segunda feira a Fundación Caixa Rural Galega, que leva tamén o nome do ex rexedor, que aspira a sumar un capital dun millón de euros que achegarán tanto a caixa como o ex alcalde a partes iguais. 

A nova fundación nace co obxectivo de promover a investigación e a educación, en especial nos sectores agroalimentario e forestal, para lograr a excelencia e especialización en ámbitos que poidan reverter no progreso e a mellora de actividades produtivas nestes sectores.

Para iso, a fundación ten previsto convocar bolsas para estudos superiores, mestrados (mesmo no estranxeiro) coa intención de formar a profesionais nos centros máis vangardistas para que despois poidan achegar os seus coñecementos a sectores produtivos da Galiza.

Outro dos obxectivos da fundación recentemente creada é a loita contra o despoboamento do medio rural

Aínda que os programas e convocatorias están aínda por definir, tamén se poderán destinar recursos a proxectos de investigación, edición de publicacións divulgativas, congresos científicos, convencións ou créditos ao honor, apunta a institución nun comunicado. 

Tamén explica que o proxecto nace "da confluencia de intereses e inquietudes" de Tomás Notario e da Caixa Rural Galega, que levan tempo traballando para a creación desta Fundación.

Ambos os promotores pretenden con iso achegar valor e coñecemento para fomentar o progreso e a mellora de procesos produtivos que en definitiva revertan nunha mellora da actividade económica local.

Outro dos obxectivos da fundación recentemente creada é a loita contra o despoboamento do medio rural, en tanto que se priorizan os sectores agroalimentario e forestal, con gran potencial na Galiza e con capacidade para cumprir con este ambicioso obxectivo.

Comentarios