Os beneficios empresariais comen terreo aos salarios no peso sobre a riqueza galega

A masa salarial dos traballadores supuxo 35,1% do Produto Interior Bruto (PIB) 
salarios clases ingresos soldos

A masa salarial dos traballadores supuxo 35,1% do Produto Interior Bruto (PIB) en 2021, o que supón unha caída de máis dun punto fronte a 36,6% de 2020, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta sexta feira.

E é que os salarios supuxeron 22.789 millóns de euros na Galiza en 2021, 6,4% máis, mais este incremento é catro puntos inferior ao do PIB.

En 2019, os salarios eran 43% do PIB e o excedente bruto de explotación e renda mixta máis de 48%. Case una década antes, no 2009, cando a crise comezaba a bater, as rendas do traballo representaban 48,6% e o excedente, 43,7%

Pola súa parte, 43,7% dos soldos son percibidos por mulleres. No colectivo feminino destaca o sector servizos como o principal provedor de rendas salariais xa que estas supoñen 88% do total.

En función do nivel educativo, 58% da masa salarial correspóndese con traballadores con educación superior. 19% ten segunda etapa de educación secundaria e 22% restante conta con primeira etapa de secundaria ou inferior.

 Obsérvase que durante a crise de 2008 destruíuse principalmente emprego de sectores que empregan man de obra con menores estudos, como pode ser a construción.

Ademais, os fogares cuxa principal fonte de renda son as remuneracións do traballo concentra a maior parte do gasto en consumo final dos fogares, 64,8% do total en 2021. Os fogares coas pensións contributivas como principal fonte de renda realizan 32,3% do gasto. Unha taxa que cae a 2,9% do gasto nos fogares de prestacións non contributivas.

O gasto en vivenda, auga, gas, electricidade e produtos alimenticios supón 38,7% do gasto dos fogares galegos. Esta taxa varía entre fogares con rendas do traballo (34,7% do gasto) e os fogares con ingresos de pensións ou prestacións de desemprego (46,2%).

Comentarios