O BCE alerta do risco financeiro pola falta de control da 'banca na sombra'
Os riscos no sector das institucións financeiras non bancarias (NBFI), tamén coñecido como 'banca na sombra', poderían intensificarse "nos próximos meses" a medida que a política monetaria continúe co seu endurecemento.
Desta maneira, as medidas para devolver a inflación a unha taxa estábel na contorna de 2%, segundo advertiu Andrea Enria, presidente do Consello de Supervisión do Banco Central Europeo (BCE), poderín xerar inestabilidade financeira.
Estas institucións (fondos de investimento, compañías de seguros, fondos de pensións e outros intermediarios financeiros), que enfrontan unha regulación e supervisión moito máis lixeira que a dos bancos, xogan un papel cada vez máis importante na economía real e na xestión dos aforros, subliñou.
De tal modo, o crecemento da 'banca na sombra' na zona euro acelerouse tras a crise financeira mundial, duplicándose desde 2008, ao pasar de 15 a 31 billóns de euros, mentres que a cota de crédito concedido por estas institucións ás empresas da rexión monetaria pasou de 15% en 2008 a 26% a finais de 2022.
En xeral, os activos do sector financeiro non bancario supoñen agora ao redor de 80% en relación co tamaño do sector bancario na zona euro, sinalou Enria ao respecto do peso destas institucións.
O analista económico subliñou que estas poden ser tamén "unha fonte de inestabilidade financeira", xa que a miúdo combinan desaxustes de vencementos e riscos financeiros sen a mesma regulación que enfrontan os bancos.
Conexión co sector bancario
"As vulnerabilidades de NBFI parecen ir en aumento", recoñeceu o italiano, para quen "isto leva á pregunta de en que medida está exposto o sistema bancario aos riscos provenientes do sector das NBFI" e como a interconexión entre os bancos e estas institucións non bancarias podería actuar como amplificación do risco sistémico.