Barreras comeza a coñecer as candidatas a suceder Ritz-Carlton á fronte do estaleiro

A consultora Kroll remitiu o caderno de venda aos principais estaleiros españois e internacionais interesasdos en facerse con Barreras a un prezo simbólico, asumindo débedas e litixios.
Representantes da Xunta, Barreras e Ritz-Carlton na presentación do segundo iate de luxo que nunca se chegou a construír (Foto: Paula Justo / Europa Press).
photo_camera Representantes da Xunta, Barreras e Ritz-Carlton na presentación do segundo iate de luxo que nunca se chegou a construír (Foto: Paula Justo / Europa Press).

Barreras, un dos principais estaleiros privados do país, afronta o seu terceiro cambio de titular en menos de tres anos. Após as pobres experiencias de Pemex e Ritz-Carlton (este último coa participación do fondo Oaktree), o estaleiro enfila a liquidación. A firma viguesa xa ten activo un Expediente de Regulación de Emprego (ERTE) para os seus 126 traballadores e traballadoras. Ademais, o xa ex presidente executivo da compañía, Douglas Prothero, e o resto de persoas integrantes do consello de administración cesaron dos seus cargos hai agora dous meses, cedéndolle o control á consultora internacional Kroll, que desde entón quedou ao mando do estaleiro.

Precisamente, Kroll é a encargada de buscar unha saída que permita manter a actividade de construción naval na ría de Vigo, e parece que xa ten unha longa lista de nomes onde escoller o posíbel sucesor de Ritz-Carlton, que terá a difícil misión de reflotar unha compañía que no último exercicio (2020) sumou unhas perdas de 68,1 millóns de euros e un patrimonio neto negativo de 77,1 millóns de euros, segundo os datos depositados no Rexistro Mercantil.

O 'Evrima', no aire

A consultora remitiu o caderno de venda do estaleiro a ducias de firmar españolas e internacionais. Así, estaleiros como os asturianos Gondar e Armón (este último con presenza en Vigo), o canario Astican ou os turcos Tersan e Sedef, xa figuran entre as potenciais firmas interesadas en facerse con Barreras por un prezo simbólico. Eso si, asumindo todas as débedas e litixios, entre as que figuran as continxencias dos contratos que non chegaron a termo ─coas navieiras Havila e Armas─ e as débedas coas empresas auxiliares, que rondan os 20 millóns de euros. E despois quedaría a transición desde a actual situación concursal. 

Kroll confía en atopar comprador para o estaleiro vigués antes de que remate o ano. Pola súa banda, Ritz-Carlton analiza o que vai facer co 'Evrima', o único dos cruceiros que empezou a construír e que agora agarda en Santander a ser pintado. 

O barco, segundo fontes do sector, podería non volver xa a Vigo e concluír a súa construción noutro país. Mesmo a compañía podería estar analizando a súa posíbel venda a outra navieira especializada neste tipo de embarcacións, renunciando así a esta liña de negocio. 

O papel da Xunta 

"Traballaremos dunha forma  proactiva e estaremos en contacto con todas as partes; coa empresa, para poder identificar un socio industrial que garanta esa viabilidade a futuro, e cos traballadores, para 1adoptar decisións de forma conxunta e compartir cales poden ser os escenarios de futuro", aseguraba onte o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Segundo indicou no Pleno a resposta dunha pregunta do BNG, o Executivo galego podería "colaborar" cun proxecto dun novo socio industrial que garanta a actividade e o emprego nas bancadas de  Beiramar.

Pola súa banda, a nacionalista María do Carmen González pediu o Goberno galego que "se poña á fronte desta crise" e "asuma as súas responsabilidades", confeccione un plan para sector e convoque á mesa do naval.

Unha historia que se repite

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras é desde hai varios anos o protagonista de anuncios grandilocuentes, algúns merecedores de reeleccións políticas, que logo non pasan do papel.

Sucedeu con Pemex, que tomou o mando da empresa hai case dez anos, prometendo a construción de dous floteis e máis dunha ducia de embarcacións para a petroleira mexicana. A realidade foi que só construíu un flotel en Vigo, que posteriormente puxo á venda, e non foi quen de solucionar os problemas económicos da sociedade.

Con Ritz-Carlton e o fondo Oaktree vai camiño de acontecer o mesmo. Anunciou a construción en Vigo de tres iates de luxo, pero ao final non puido nin rematar no estaleiro de Beiramar nin o primeiro, para o que agora trata de buscar saída. Queda por ver se á terceira vai a vencida. 

Comentarios