A Xunta estende o polémico bono turístico á poboación non sanitaria

A Xunta anuncia a segunda entrega do polémico "bono turístico" #QuedamosEnGalicia, co que o verán pasado achegou 250 euros ao persoal sanitario para gastar en estabelecementos turísticos. A medida trouxera críticas entre profesionais da saúde, que vían o bono como unha "frivolidade" da Xunta logo de anos recortando na sanidade. Agora, o bono amplíase á poboación en xeral. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego en San Caetano (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Consello do Goberno galego en San Caetano (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza porá en marcha a segunda entrega do polémico "bono turístico" #QuedamosEnGalicia, co que o verán pasado achegou 20.000 bonos con 250 euros ao persoal sanitario para gastar en estabelecementos de hostalaría e turísticos. A medida provocou daquela críticas entre profesionais da saúde, que vían o bono como unha "frivolidade" da Xunta logo de anos recortando na sanidade. Desta volta, o bono diríxese á poboación en xeral, non só a sanitaria, e mobilizará 6,8 millóns de euros. 

A segunda convocatoria do bono “abrirase a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego, e que non foran beneficiados na convocatoria de 2020”, anunciou ante os medios o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após esta quinta feira, 11 de marzo, rematar a reunión semanal do Consello de Goberno.

Como novidade haberá tres tipos de bonos con distintas contías. En todas elas, as arcas galegas asumirán 60% do custo dos servizos consumidos e as persoas usuarias 40%. 

Así, haberá bonos de 250 euros (dos que 150 serán sufragados pola Xunta); outro de 375 (225 sairán dos cartos públicos), e o terceiro de 500 euros (300 serán da Xunta). A previsión é que a finais de marzo saia a convocatoria e se abra o prazo de adhesión de empresas. A data límite para o seu uso é o 15 de decembro, e concederanse por orde de solicitude.

Feixoo explicou a “boa acollida” que o ano pasado tivo a primeira convocatoria do bono, pasando por alto as críticas do sector sanitario que pedía que eses 250 euros por profesional se destinasen a mellorar as contratacións ou os sistemas de protección fronte a Covid-19. Ante a polémica que houbo no pasado verán por parte de colexios profesionais como o de Enfermaría e Traballo Social, o Consello Galego de Colexios Médicos ou o Colexio Oficial de Psicoloxía, a Consellaría de Sanidade chegou a non quererse responsabilizar da medida, afirmando que se trataba dunha iniciativa de Turismo.

Vacinación e restricións

O presidente tamén informou que, "de cumprirse o prometido" polo Ministerio de Sanidade, a Galiza recibirá "máis de medio millón de vacinas" das distintas casas farmacéuticas: 156.000 doses cada unha das dúas primeiras semanas de abril e as dúas últimas, 136.000. Precisamente, esta quinta feira realizouse unha vacinación de mil persoas de entre 50 e 55 anos no Gaiás, en Santiago, como ensaio para levar a cabo próximas vacinacións masivas na Galiza. 

Preguntando polos medios por se a Xunta tería interese en que na Galiza se fabricase a vacina rusa Sputnik V, o presidente asegurou que el ten interese en que se fabrique calquera vacina de calquera país, sempre que estea autorizada pola Axencia Europea do Medicamento. Resposta semellante deuna no Congreso a ministra de Sanidade, deixando de lado a posibilidade de que a Axencia Española do Medicamento aprobe a súa distribución, como xa fixeron varios países da Unión Europea. Mentres, tal e como adiantou Nós Diario hai apenas uns días, a farmacéutica Zendal e o grupo Iberatlantic Global Corporation xa se dirixiron ao Goberno do Estado para manifestar a súa disposición a fabricar na Galiza doses da Sputnik V

En todo caso, Feixoo apelou á prudencia e chamou, estando en plena desescalada e ás portas de San Xosé e Semana Santa, a "manter as cautelas". Interpelado por se haberá algunha redución nas restricións para a ponte de San Xosé, afirmou que de ter os datos de hoxe faríase unha ampliación "de determinados" límites de capacidades e de horarios, pero todo dependerá dos datos que haxa para a semana. 

En canto á insistencia da Comunidade de Madrid contra o feche perimetral, Feixoo afirmou que a autonomía madrileña defende "os seus intereses" igual que o resto de comunidades fan o propio. Tamén sobre Madrid preguntaron os medios, en concreto sobre a decisión da presidenta Isabel Díaz Ayuso de convocar eleccións. Feixoo defendeuna. "Fixo o que podía facer" ante o "movemento  sísmico" na política española do que culpou o PSOE e a "sorprendente" actitude de Ciudadanos, partido cuxa fiabilidade, dixo, "xa non existe".

Por outra banda, a Xunta tamén aprobou unha achega de 5,3 millóns de euros para a posta en marcha de 63 casas do maior en concellos do rural sen centro de día, e deu luz verde ao comezo da tramitación da lei de áreas empresariais "para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies", explicou o presidente. Aliás, anunciou a construción dun centro de ciberseguridade no Gaiás.

Comentarios