As asociacións de persoas consumidoras cren posíbel abaratar a luz nos fogares

Entidades sociais auguran un outono complicado coa actual tarifa horaria e urxen ao Goberno español para que actúe.
A táboa de control de luces dun edificio o pasado mes de agosto (Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A táboa de control de luces dun edificio o pasado mes de agosto (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

O Goberno español, a través da súa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, admite que o recibo da luz da tarifa regulada eléctrica incrementarase en 2021 un 25,8% e chegará até os 644 euros anuais, fronte aos 512 euros que se pagaron de media no exercicio anterior. Malia esta situación o Executivo asegura que non intervirá os prezos finais da electricidade que paga o consumidor a través da fixación de topes máximos nin modificará o sistema que fixa os prezos almacenistas da electricidade. 

O secretario xeral de Facua, Rubén Sánchez, acusou a ministra de "pór escusas para non actuar" no mercado eléctrico e tachou de "argumento falaz" as súas declaracións nas que sinalaba que unha intervención do sector eléctrico era "contrario ao marco comunitario", "apelando á directiva europea do sector eléctrico 2019/944". 

Explica que o artigo 5 desta norma estabelece que "os Estados membros poderán aplicar intervencións públicas na fixación de prezos para a subministración de electricidade aos clientes domésticos en situación de pobreza enerxética ou vulnerábeis e non pon límites aos criterios económicos para considerar un consumidor como vulnerábel". 

Prezos diferenciados para os fogares

Para a asociación de Consumidores e Consumidoras da Galiza (UCGAL) hai posibilidades de actuación por parte do Goberno español que poderían rebaixar a factura da luz, como deixar fóra do pool a enerxía nuclear e a hidroeléctrica, aínda que "non sería a solución definitiva" a esta problemática.

"É un problema estrutural que vén da antiga lei de 1998 e habería que cambiar de maneira radical a estrutura tarifaria que regule o prezo para os consumidores", afirma Miguel López, secretario xeral desta organización. 

Con todo, cre que foi un erro "pór a nova estrutura tarifaria o 1 de xuño, anunciando ás compañías eléctricas que lles rebaixarían os seus beneficios", unha actuación que lle presenta "dúbidas de transparencia" e semella que as últimas actuacións son "unha resposta das eléctricas".

López opina que "non hai nada que impida que se estabeleza unha fixación de prezos diferenciada para fogares". Por este motivo, o responsábel da UCGAL considera que a electricidade, como no caso das telecomunicacións, debería "volver considerarse de interese público" e "estabelecer un sistema de cobro diferenciado para consumos domésticos e outro tipo de consumos". Considera, como conclusión, que "política social pode facerse se se quere". 

Un outono complicado coa actual estrutura tarifaria

Desde a UCGAL avisan de que a situación empeorará de cara a este outono se non baixan os prezos da electricidade no mercado nos vindeiros meses. "A estrutura tarifaria actual ten unhas peaxes altas nos horarios máis caros que serán os que empreguemos a partir de agora nun período de menos horas de luz e a entrada de calefacción pola chegada do cambio de tempo", asegura López, "o resultado será que aumentarán as partes fixas das facturas moito máis que no verán", engade.

Comentarios