Arturo Dopico, ex de R, queda baixo as ordes de MásMóvil

MásMóvil toma o control de Nowo, a firma capitaneada por Arturo Dopico, o histórico ex conselleiro delegado de R.
O ex conselleiro delegado de R, Arturo Dopico.
photo_camera O ex conselleiro delegado de R, Arturo Dopico.

Arturo Dopico, o que fora durante anos o principal directivo da firma galega de telecomunicacións R, volve estar ás ordes dunha compañía española após a súa saída do grupo Euskaltel. 

Dopico foi nomeado hai agora un ano conselleiro delegado do operador portugués Nowo/Oni. O ex directivo de R, que desaparecera após 18 anos no cargo, chegou á firma lusa acompañado doutros ex directivos da firma galega, Pablo Iglesias e Paco Rodeiro, director financeiro e director de planificación estratéxica, respectivamente.

Entón, Dopico amosábase "encantado" de poder sumarse a un proxecto "atractivo e retador" que pasa por converter a empresa nunha das referencias no sector das telecomunicacións en Portugal.

Baixo control de MásMóvil

Esta segunda feira, o operador español MásMóvil, recentemente excluído da Bolsa após a entrada de varios fondos de investimento no seu capital, vén de anunciar a toma de control de Nowo, polo que Dopico pasará a depender da firma española.

En concreto, como resultado dunha reorganización de accionistas de Cabonitel, MásMóvil tomou o control desta sociedade e por tanto será propietaria total de Nowo Communications, que opera no negocio residencial de telecomunicacións en Portugal.

MásMóvil destacou que esta operación permítelle reforzar a súa presenza en Portugal e enfocar a súa expansión no segmento residencial, onde a compañía espera consolidar a súa crecente presenza grazas aos seus esforzos comerciais, tras a publicación das condicións finais para a próxima poxa de espectro 5G, e tamén por posíbeis acordos con fondos de infraestrutura que desexen colaborar no financiamento do devandito crecemento.

Nesta misión será chave o papel dos directivos galegos, dos que a propia operadora destacaba no seu día o feito de que foran capaces de xerar máis de 1.000 millóns de euros de valor e facer de R o operador integrado cos clientes máis satisfeitos. 

Comentarios