O 'xigante' do transporte por estrada Arriva pasa a mans dun fondo estadounidense

I Squared Capital confía en fechar a compra do operador británico de transportes, con forte presenza na Galiza, a comezos do vindeiro ano por un importe próximo aos 1.600 millóns de euros.
A compañía pasa agora a mans dun fondo estadounidense. (Foto: Arriva)
photo_camera A compañía pasa agora a mans dun fondo estadounidense. (Foto: Arriva)

Deutsche Bahn (DB), a operadora ferroviaria pública alemá, chegou a un acordo co fondo de investimentos I Squared Capital, con sede en Florida (EUA), para a venda por uns 1.600 millóns de euros do operador británico de transportes Arriva, propietario dos icónicos autobuses londinienses de dúas plantas e presente desde 1999 en España, onde adquiriu a Empresa de Blas ou Autos Carballo (Aucasa) e a súa filial Santiaguesa Metropolitana.

A transacción, que espera fechar en 2024, contempla a venda ao fondo estadounidense de todos os negocios operativos de Arriva nunha decena de mercados europeos, á espera da aprobación do consello de supervisión de DB e do Ministerio Federal de Transportes e o Dixital de Alemaña. O desinvestimento de Arriva, que o operador público alemán adquiriu en 2010 por uns 1.800 millóns, forma parte da estratexia de DB de buscar un crecemento adicional no transporte ferroviario en Alemaña e centrar os seus recursos no seu negocio principal.

"Arriva ten boas perspectivas de crecemento sostíbel a medida que avanza a liberalización do mercado en Europa", declarou Levin Holle, director financeiro de Deutsche Bahn, subliñando que, pola súa parte, o obxectivo estratéxico de Deutsche Bahn "é realizar investimentos récord en ferrocarrís respectuosos co medio ambiente no seu negocio principal", xunto co aumento do investimento público na infraestrutura ferroviaria alemá.

A venda a I Squared, asegurou, "brindará a Arriva novas opcións para apoiar o seu potencial de crecemento, por exemplo para a futura electrificación das frotas europeas". "Para nós, a venda acordada é un paso importante para centrarnos aínda máis no crecemento adicional do transporte ferroviario en Alemaña", engadiu. A maiores, o conselleiro delegado de Arriva, Mike Cooper, afirmou que a venda a I Squared "é unha gran oportunidade para Arriva e o comezo dun novo capítulo importante para o negocio", xa que o investimento do fondo axudará a "desbloquear novas oportunidades e crear valor".

Arriva emprega unhas 35.500 persoas e realiza arredor de 1.500 millóns de viaxes de pasaxeiros en diferentes países europeos, a través de autobuses, trens, autocares, tranvías, sistemas de bicicletas compartidas e solucións de transporte baixo demanda, o que converte a empresa nun dos provedores líder de transporte de pasaxeiros en Europa.

As actividades de Arriva divídense en catro liñas de negocio: UK Bus, UK Trains, Países Baixos e Europa continental. En concreto, Arriva ten operacións na República Checa, Croacia, Hungría, Italia, Países Baixos, Polonia, Eslovaquia, Eslovenia, Reino Unido e o Estado español, incluíndo a Galiza, país no que opera numerosas liñas regulares de transporte por estrada.

Aquí, precisamente, Arriva afianzou a súa presenza coa compra de operadores con liñas regulares fortes e recoñecidas, como Autos Carballo (Aucasa) e a súa filial Santiaguesa Metropolitana, en 2016. Após máis de 20 anos no mercado, Arriva dá servizo no conxunto do Estado español a máis de 40 millóns de viaxeiros e viaxeiras cada ano.

Comentarios