A área coruñesa, con Oleiros á fronte, é a que conta con maior renda per cápita

As cidades galegas fican lonxe do podio a nivel estatal
Oleiros
photo_camera Oleiros

O Instituto Nacional de Estatística, INE, publicou onte os seus Indicadores Urbanos, que miden a renda neta media anual por habitante en 413 municipios do territorio estatal de máis de 20.000 habitantes, e que nesta edición sitúan as cidades galegas lonxe do podio nestes parámetros. Só o municipio de Oleiros, cunha renda de 15.765 euros en 2017 –ano de referencia para o estudo–, está entre os vinte primeiros postos, concretamente no número 17 dunha lista que encabeza Pozuelo de Alarcón, con 25.903 euros por habitante e ano.

Para atopar na listaxe unha cidade galega hai que chegar aos postos 45 e 46, onde se localizan Santiago de Compostela e A Coruña, con rendas medias de 13.517 e 13.516 euros, respectivamente.

Con Oleiros á fronte, a área metropolitana da Coruña presenta a renda anual por habitante máis elevada da Galiza, cunha media de 12.951 euros por habitante e ano. A área urbana funcional (AUF) coruñesa sitúase no posto undécimo nesta clasificación, que lidera a de Donosti con 15.399 euros.

Baixa actividade en Ferrol

Nesta edición dos Indicadores Urbanos do INE tamén aparecen outras clasificacións, como a de municipios con menores taxas de actividade, onde Ferrol ocupa o peor posto, con 50,7%, cunha taxa igual á de León. Ourense é a octava pola cola (52%).

Ferrol cóntase tamén entre as áreas urbanas funcionais cun menor peso do sector servizos na súa actividade, con 72,6% do total.

No entanto, as cidades de Vigo, Ourense e Ferrol destacan por ter unha maior proporción de emprego na industria. En concreto, Vigo sitúase no octavo posto, cunha taxa de emprego industrial de 19,7%, sensibelmente por debaixo de Avilés, que ocupa o primeiro lugar con 28,7%. Ferrol, con 16,8%, e Ourense, con 16,7%, colócanse nos postos 14 e 15 desta táboa, calculada con datos de 2018, e que apunta Marbella como o municipio con menor peso do emprego industrial.

Tanto Ferrol como Ourense aparecen tamén na lista de municipios con menor número de fillas ou fillos por muller, con 1,05 e 1,06 respectivamente, o que leva estas cidades a quedar na oitava e undécima posición dos rexistros máis baixos. Tamén Vigo está entre os vinte con menores taxas, cunha media de 1,09 descendentes. A cifra máis baixa atópase en San Cristóbal de la Laguna, Canarias, con 0,95. En cambio, o maior número obsérvase en Melilla (2,27).

Comentarios