Amancio Ortega ingresa hoxe 646 millóns de euros por dividendo de Inditex

É a metade do que cobrará este ano.
Amancio é unha das persoas máis ricas de Europa. (Europa Press).
photo_camera O empresario Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresa hoxe, 3 de maio, un total de 646,8 millóns de euros pola primeira retribución do ano que aboará Inditex aos seus accionistas, o que supón a metade do que cobrará en 2021 en dividendos da firma galega. En concreto, o empresario recibirá este ano un total de 1.293,6 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, após un 2020 no que cobrou case 650 millóns de euros polo único dividendo que pagou o xigante téxtil ese ano nun contexto marcado pola crise sanitaria do Covid-19.

Este ano, Inditex aboará un dividendo de 0,7 euros por acción, 0,22 euros en concepto de dividendo ordinario e 0,48 euros en concepto de dividendo extraordinario, cun 60% de 'payout' ordinario e dividendos extraordinarios, o que supón duplicar o pagamento realizado en novembro do pasado ano.

Desta forma, o pagamento deste dividendo realizarase en dous pagamentos iguais, distribuíndose 0,35 euros por acción esta segund feira, 3 de maio, e outros 0,35 euros o vindeiroo 2 de novembro.

O fundador de Inditex, que recibe hoxe os case 650 millóns de euros en dividendo a través das sociedades Pontegadea Investimentos e Partler, coas que controla un 59,294% do grupo téxtil, inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

Recentemente, Ortega abandonou a súa posición no ' top 10' da edición de 2021 da lista Forbes das maiores fortunas do mundo, a pesar de que o seu patrimonio aumentou nun 40% desde a anterior vez que se elaborou a lista, até un total de 77.000 millóns de dólares (64.747 millóns de euros), e situouse no posto 11.

Pola súa banda, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 110 millóns de euros en dividendos de Inditex, a metade tamén este 3 de maio.

En total, a compañía pagará este ano aos seus accionistas en concepto de dividendo máis de 2.181 millóns de euros. Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.106 millóns de euros no seu ano fiscal 2020-2021 (do 1 de febreiro de 2020 ao 31 de xaneiro de 2021), o que supón un 70% menos respecto ao exercicio anterior polo impacto do coronavirus.

Comentarios