Inditex gaña 1.106 millóns en 2020

Un 70% menos polo Covid, e dispara as súas vendas 'online' un 77%.

Inditex
photo_camera Inditex

Inditex rexistrou un beneficio neto de 1.106 millóns de euros no seu ano fiscal 2020-2021 (do 1 de febreiro de 2020 ao 31 de xaneiro de 2021), o que supón un 70% menos respecto ao exercicio anterior polo impacto do coronavirus, segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

As vendas do grupo situáronse en 20.402 millóns de euros, limitando a súa caída a 28% (-24,5% sen o impacto divisa), a pesar de que o
100% das tendas estiveron pechadas ou con horarios e capacidades restrinxidas durante o exercicio pola pandemia.

Así mesmo, as vendas en tendas e 'online' no Estado español representaron o 14,6% do total do grupo, fronte ao 15,7% do pasado exercicio, mentres que Europa sen o estado supón o 48,7%, Asia e Resto do Mundo, o 23,2%, e América, o 13,5%.

Pola súa banda, o resultado bruto de explotación (Ebitda) do grupo presidido por Pablo Isla situouse en 4.552 millóns de euros, o que supón un 40% menos.

O presidente de Inditex, Pablo Isla, subliñou que após estes resultados o xigante téxtil "sae máis forte deste ano tan difícil
grazas ao enorme compromiso das persoas que integran a compañía".

As vendas da compañía a través da súa plataforma 'online' global disparáronse un 77% a tipo de cambio constante, alcanzando os 6.600 millóns de euros, con picos de crecemento por riba do 100% durante o ano. As visitas 'online' no exercicio 2020 creceron un 50%, até os 5,3 miles de millóns.

Comentarios