Ortega abandona por un momento o tixolo e inviste 378,8 millóns nunha filial de Telefónica

Fundador e máximo accionista do xigante Inditex, Amancio Ortega costumaba colocar os seus investimentos en imóbeis de luxo. Aos seus 82 anos, fai unha pequena excursión ao sector tecnolóxico ao comprar por 378,8 millóns de euros 10 por cento de Telsiux, unha filial de Telefónica.

O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)
photo_camera Amancio Ortega

Desde que en setembro de 2005 fracasou no seu asalto a Unión Fenosa —nunha operación con apoio do bipartito e de CaixaVigo en que finalmente se acabou cruzando a ACS de Florentino Pérez— Amancio Ortega puxo a maior parte dos seus ovos —os dividendos que obtén de Inditex— no mesmo niño, a compra de inmóbeis de alto porte, investimentos faraónicos en cidades como París, Miami, Londres, Nova Iorque, Seúl e Madrid, con activos valorados en máis de 8.000 millóns de euros.

Agora, e relativamente por sorpresa, Ortega incorpora un novo negocio á súa carteira de investimentos, ao se facer co 10 por cento de Telsiux, unha filial de Telefónica criada en febreiro de 2016 para agrupar activos como as torres de telefonía móbil, as redes de fibra óptica e as de cabo submarino. Os números de Telsiux son impresionantes: posúe arredor de 15 mil antenas de telefonía móbil só en territorio español e 31.000 quilómetros de fibra óptica submarina.

Ortega compra a súa participación en Telsiux a 15,2 euros por acción e entra como parceiro minoritario na compañía, cuxo control operativo continuará nas mans de Telefónica.

Comentarios