A Xunta recoñece a súa incapacidade para buscar saída á crise industrial

A Xunta da Galiza recoñece abertamente que non ten solución para garantir a continuidade de industrias como Ence. A Consellaría de Economía, con competencias na materia, foi incapaz de canalizar investimentos cara ás empresas, pese a que o Igape deixou sen executar 34% dos seus fondos. 
O conselleiro de Economía e Empresa, Francisco Conde. (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Economía e Empresa, Francisco Conde. (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)

A Xunta ten a competencia exclusiva no fomento e planificación da actividade económica na Galiza. Porén, o país está inmerso nunha crise industrial na que o Executivo galego, e máis concretamente a Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, é incapaz de atopar solucións para as empresas en dificultades, o que pon en xogo a continuidade de centos de postos de traballo.

Até o de agora, esa falla de resolución quedara patente en casos como os das empresas do aluminio Alcoa e Alu Ibérica; na continuidade de estaleiros como Vulcano ou Barreras; conserveiras como Thenaisie Provoté, ou de fábricas de pas eólicas como a que Siemens-Gamesa tiña nas Somozas. Pero, até o de agora, a Xunta non recoñecera a súa propia inoperancia.

Foi esta mesma semana cando o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntou á incapacidade do Executivo galego para atopar unha solución á continuidade de Ence en Pontevedra. 

"Nós non temos a solución", afirmou Rueda sobre este asunto, no que pide ao Goberno estatal que leve á próxima reunión da mesa de traballo sobre o futuro de Ence, convocada para o vindeiro 10 de setembro, unha alternativa "para que o traballo siga na comarca de Pontevedra".

Diferentes tratamentos

Segundo deslizou Rueda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, trasladou aos traballadores que Ence ten que permanecer no emprazamento actual, pese a que a prórroga da concesión outorgada en 2016 polo Goberno de Mariano Raxoi está xa anulada pola Xustiza. Non hai outra saída, e se a hai, a Xunta non sabe cal é.

O celo do Executivo galego por manter Ence a toda costa en Pontevedra, argumentando o que suporía a súa marcha para o emprego na comarca, contrasta co papel desenvolto noutros conflitos laborais, como a marcha de Siemens-Gamesa das Somozas ou, actualmente, a difícil situación pola que atravesa o estaleiro público Barreras, a conserveira Thenaisie Provoté ou a fábrica de aluminio de Alu Ibérica na Coruña, con centos de empregos industriais en risco 
de desaparecer.

Ao igual que sucede con Ence, a Consellaría de Economía que dirixe Francisco Conde escúdase nalgúns destes casos no Goberno estatal para non xogar un papel activo na resolución dos conflitos industriais, a pesar de que as súas competencias lle permiten intervir empresas ou mesmo axudalas a través da concesión de préstamos participativos por parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Noutros, directamente, di que agardará a que o problema estea encamiñado cara a unha solución antes de pór os cartos, unha estratexia arriscada que deixa en mans de terceiros a continuidade de empresas estratéxicas.  

O capital risco é un dos piares da política de apoio á empresa por parte da Administración galega, unha actividade que se canaliza a través de Xesgalicia, entidade participada ao 100% polo Igape.

Un Igape en horas baixas

Xesgalicia xestiona varios fondos de capital risco, agora reducidos a tres ─Galicia Compite FICC, Galicia Innova FICC, e Galicia Iniciativas Emprendedoras FICC─, mentres que un cuarto, denominado Adiante 2000 FCR, orientado ao apoio de empresas necesitadas de respaldo financeiro e de xestión, se atopa en fase de liquidación. Xunto a eles está Sodiga, unha sociedade xa veterana que facilita investimentos a empresas cunha recoñecida solvencia profesional e un alto potencial de crecemento.

Segundo recolle o Informe da Economía Galega 2020 de Afundación, a pesar de que esta última sociedade tiña prevista a entrada no capital social de dúas empresas e a concesión de dous préstamos, "non se realizou ningún novo investimento, nin en capital nin en préstamos, por parte desta sociedade. 

O investimento total dos outros tres fondos xestionados por Xesgalicia situouse nos 5,87 millóns de euros, dos que 2,6 millóns corresponderon a préstamos participativos en empresas. A maior parte (2,3 millóns) foron parar á construtora Arias Infraestruturas, unha das maiores adxudicatarias de obra pública na Galiza, e a Inoxidables de Rábade, pertencente á multinacional Irestal Group.

O balanzo do propio Igape non é moito mellor, xa que, como constata Afundación, non aproveitou o seu orzamento, que en 2020 ascendía a 126,7 millóns de euros. Deixou sen executar algo máis da terceira parte, pois o importe total das axudas concedidas foi de 83,6 millóns de euros. Para este 2021, o orzamento duplícase (262,3 millóns), co que a Xunta dispón de máis marxe de manobra.

Aposta nos fondos de investimento privados

O Igape deu o pasado ano un xiro radical á súa estratexia coa entrada no capital social de tres fondos privados de capital risco: K Fund, Kibo e Alma Mundi.

Con esta inxección de cartos públicos en fondos privados, o departamento de promoción económica da Xunta da Galiza, segundo explica, busca dar resposta ás necesidades de empresas de base tecnolóxica. Cun investimento estimado de 10 millóns de euros nos próximos anos, o Igape aspira a mobilizar 30 millóns de euros  en proxectos tecnolóxicos e de investimento. Porén, a achega a estes fondos ─a través de Galicia Innova FICC─ é moi desigual. Así, en 2020, o fondo Alma Mundi Fund II levou a maior parte do capital (3,3 millóns de euros), unha cantidade que contrasta cos escasos 90 euros inxectados no capital de Kibo Ventures Iberian Fund III, ou os 200.000 que levou K Fund II.

Comentarios